Romaría do Pico

cartel

O mércores 20 de xaneiro celébrase a tradicional romaría de San Sebastián que congrega a centos de fieis na cima do Pico Sacro.

A Ermida de San Sebastián está fortemente vinculada á tradición xacobea, tal e como recolle o Códice Calixtino. Formou parte da construción monacal fundada polo bispo Sisnando I. Desta primitiva construción conservamos o altar do presbiterio, datable no século XI, feito en granito e atribuído ós discípulos do Apóstolo Santiago: San Atanasio e San Teodoro e o retablo en cachotería. Sabemos por un documento do ano 914, que este mesmo bispo, fixo unha importante doazón a este mosteiro consistente en utensilios sagrados para o ministerio da igrexa e libros eclesiásticos.

Ademais do interés histórico e arquitectónico, a capela ten unha gran importancia relixiosa para os habitantes da comarca. Según a tradición, os devotos acoden a render tributo a San Sebastián, un santo moi milagreiro, cunha rama de “queiruga” que pasan pola imaxe do santo e a continuación pola parte do corpo que precisen curar, pronunciando as verbas:

“Pico Sacro, Pico Sacro
Líbrame do mal que’eu traio”

A romaría estará amenizada por un grupo de gaitas de Boqueixón e haberá pulpeiro e doces típicos para os romeiros.

As misas en honra de San Sebastián celebraranse cada hora dando comezo ás 10:00h. e rematando ás 13:00h.

Comparte esta nova:

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

© Concello de Boqueixón 2025