O Concello de Boqueixón denuncia na Garda Civil o hackeo de dúas liñas móbiles municipais e pide á veciñanza que non faga ningún pago que lle soliciten por WhatsApp

O Concello de Boqueixón agarda recuperar o control de ambas liñas ao longo das próximas horas

O Concello de Boqueixón presentou denuncia ante a Garda Civil polo hackeo de dúas das súas liñas de telefonía móbil, a do alcalde e a da directora do CRA “Neira Vilas”, así como por un presunto delito de suplantación de identidade, toda vez que a persoa ou persoas responsables utilizaron eses números para solicitar cartos a veciños e veciñas do municipio.

Por iso, o Concello de Boqueixón fai un chamamento á veciñanza para que faga caso omiso de calquera mensaxe de WhatsApp que lles teña chegado nas últimas 24 horas dende eses dous números de teléfono e, sobre todo, que non fagan efectiva ningún tipo de pago, transferencia, bizum.. Neste sentido, lembran que o Concello de Boqueixón non utiliza a plataforma WhatsApp para xestionar o cobro de ningún tipo de servizo.

O Concello de Boqueixón lamenta as molestias que esta situación poida causar entre a veciñanza e agarda recuperar o control de ambas liñas ao longo das próximas horas, así como que as investigacións da Garda Civil permitan localizar e deter á persoa ou persoas responsables desta situación.

ACTUALIZACIÓN 
O Concello de Boqueixón informa de que xa ten recuperadas as dúas liñas municipais hackeadas na tarde de onte. Unha recuperación que tivo lugar a mediodía de hoxe. Lamentamos as molestias causadas e aguardamos que as investigacións da Garda Civil permitan dar coa persoa ou persoas responsables desta acción.

Comparte esta nova:

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

© Concello de Boqueixón 2025