A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a residencia de maiores Santa Olalla en Boqueixón para comprobar a situación do centro tras o apagamento eléctrico xeral. Acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e pola concelleira de Servizos Sociais, Ángela Conde, a conselleira puxo en valor a actuación coordinada durante a xornada do luns e o feito de que non se rexistraron incidencias importantes nos centros residenciais de maiores de Galicia.
Fabiola García fixo fincapé en que se actuou en todo momento tendo en conta o benestar dos maiores e en coordinación con todos os axentes implicados. Deste xeito, explicou que a Xunta puxo en marcha unha serie de medidas entre as que destacou que o estrito control das necesidades de todas as residencias da comunidade, algo que foi posible grazas ao traballo conxunto con Protección Civil e os corpos e forzas de seguridade, aos que agradeceu o seu esforzo e compromiso.
Na visita á residencia, na que estivo acompañada polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e pola directora do centro, Silvia López, a conselleira explicou que, seguidamente, foise dando resposta a cada unha das necesidades como a xestión de ambulancias, o subministro de bombonas de osíxeno, a dotación de xeradores de electricidade e o subministro de combustible. No caso concreto da residencia de Boqueixón, destacou que a dirección do centro solicitou un reforzo de osíxeno para algúns dos usuarios, que se puido solventar reenchendo as bombonas necesarias. Ademais, a Consellería de Política Social e Igualdade e a dirección do centro estiveron en contacto para xestionar traslados de usuarios cando foi preciso.
Fabiola García quixo agradecer o seu esforzo e compromiso á dirección das diferentes residencias, ao persoal e aos usuarios dos centros. Tamén lembrou ás familias e aos concellos, que demostraron a súa colaboración en todo momento. Por último, a conselleira apostou por que “todos debemos aprender desta situación” e seguir traballando para que as residencias “continúen sendo espazos seguros, preparados e humanos, mesmo ante os imprevistos”.