O Concello de Boqueixón organiza unha visitas guiadas e gratuítas ao Pico Sacro, que terá lugar na mañá do domingo 25 de maio coincidindo coa celebración da Romaría do Pico Sacro na honra a San Sebastián, que organiza a Comisión de Festas da Granxa. Unha actividade de balde pero para a que é preciso anotarse previamente chamando ao Departamento de Emprego, Formación e Turismo de Boqueixón (981 513 061) ou enviando un e-mail a boqueixonturismo@gmail.com.
A visita, denominada «Viaxe á orixe do Pico Sacro», sairá ás 12:30 horas do aparcadoiro do Pico Sacro, punto de encontro para as persoas participantes. Cunha duración de menos dunha hora, permitirán coñecer os segredos deste monte de lenda, vencellado á Traslatio dos restos do Apóstolo Santiago desde Palestina ata Compostela, e outras características singulares tanto xeolóxicas como paisaxísticas, pois dende o seu cumio, que chega ata os 533 metros sobre o nivel do mar, pódense desfrutar dunha das vistas panorámicas máis fermosas da comarca.
Paralelamente, na contorna da capela de San Sebastián a Comisión de Festas da Granxa ten programada unha nova edición da Romaría do Pico Sacro na honra a San Sebastián. Haberá misas na capela de San Sebastián ás 10:00, 11:00, 12:00 e 13:00 horas, sendo esta última cantada. No exterior haberá polbo, churrasco e doces, todo ambientado coa música do grupo “Son de gaita» (Sergude).