Un total de doce mulleres de Boqueixón e Vedra de todas as idades, profesións e inquedanzas participaron esta fin de semana, xunto coa conselleira de Servizos Sociais de Igualdade do Concellode Boqueixón, Ángela Conde, na primeira clase do Curso de Defensa Persoal Feminina, que imparte a karateca Ruth Lorenzo Couso, campiona nacional e internacional.
Unha sesión que comezou cunha charla empoderadora e inspiradora, na que a profesora trasladou ás alumnas que eran mulleres fortes e capaces. Unha xornada complementada cunha sesión práctica moi amena e instrutiva.
Deste xeito, as mulleres participantes coñeceron os fundamentos teóricos e prácticos da defensa persoal, facendo fincapé nas técnicas de defensa e en como aborar un perigo, recomendando evitalo sempre que sexa posible.
A próxima clase terá lugar o día 24 de maio, de 10:00 a 13:00 horas, na ludoteca municipal de Vedra, onde se abordará a defensa ante determinadas situacións que as participantes plantexaron. As clases son gratuítas, aínda queda algunha praza dispoñible, aberta a todas as mulleres de Boqueixón e Vedra ata cubrir aforo.
Máis información no CIM de Boqueixón: 981 516 106.
Actividade subvencionada con cargo ao Pacto de Estado 2024 Contra a Violencia de Xénero.