A Deputación da Coruña ven de publicar as bases e a convocatoria da VII edición dos Premios ás iniciativas transformadoras da provincia para o 2025, (PEL-EPR PREMIO 2025) un galardón incluído entre as accións de incentivos á calidade e á innovación da idea empresarial do Plan de Emprego Local (PEL) co que se pretende galardoar ás Iniciativas Transformadoras da Provincia da Coruña, como recoñecemento ás entidades que as desenvolven, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sustentabilidade, fomentando a cultura emprendedora e potenciando o rural. As entidades gañadoras de cada categoría recibirán un premio de 20.000 euros. As categorías convocadas son as seguintes:
1ª CATEGORÍA: Premio «Iniciativa emprendedora»
Dirixida a recoñecer a labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas que iniciaran a súa actividade empresarial nas anualidades 2023, 2024 ou 2025.
Esta categoría busca premiar aquelas iniciativas que destacan polo seu carácter innovador e pola súa capacidade de aportar valor engadido ao sector no que operan, xerando un impacto positivo tanto na economía local como na sociedade.
2ª CATEGORÍA: Premio «Traxectoria empresarial»
Destinada a recoñecer a labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas que comezasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2022 ou con anterioridade.
Esta categoría busca recoñecer a aquelas empresas que demostren un equilibrio entre o éxito económico e o compromiso coa sustentabilidade, fomentando o liderado empresarial con visión estratéxica, ética e responsabilidade social ao tempo que se apoia a referentes empresariais que sirvan de inspiración para o resto de empresas na procura dun crecemento equilibrado e sostible.
3ª CATEGORÍA A PROPOSTA DO XURADO: Premio «Proxección e innovación sostible»
Adicionalmente a estas categorías, o Xurado outorgará un premio como recoñecemento a aquelas entidades, empresas ou persoas cuxa actividade teña xerado un impacto positivo significativo no desenvolvemento económico, social e ambiental da provincia.
Esta categoría busca destacar iniciativas que promovan a creación de emprego, a dinamización do tecido empresarial local e a mellora da calidade de vida da comunidade, fomentando a innovación, a cooperación e a sostibilidade como piares fundamentais do progreso provincial.
Ademais, con este recoñecemento, preténdese recoñecer aquelas empresas que teñan demostrado unha forte capacidade de innovación e de expansión, que se teñan expandido con éxito ou que se teñan adaptado ás novas necesidades do mercado, contribuíndo así a un crecemento sostible e á modernización do tecido produtivo.
A terceira categoría decidirase a proposta do xurado, sen postulación previa de entidades.
No caso de que o Xurado considere que algunha empresa que non chegou a obter o premio en calquera das tres categorías, teña demostrado méritos destacados, poderá outorgar ata tres accésits por valor de 5.000 euros brutos cada un.
Tanto a presentación de candidaturas como o resto da tramitación da presente convocatoria, realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación provincial de A Coruña https://sede.dacoruna.gal/subtel/.
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 16 de maio de 2025 ás 14.00 horas.