Os veciños e veciñas de Oural xa teñen todo listo para celebrar a edición número 51 das Carrozas do San Cidre, cun programa especial para celebrar a súa inminente declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia e que se desenvolverá do venres 16 ao domingo 18 de maio en Camporrapado. Unha festa que xa conta co visto bo da Comisión de Turismo de Galicia, polo que so resta a súa aprobación polo Consello da Xunta para que a distinción sexa efectiva e recoñeza este medio século de traballo por parte da veciñanza.
Por iso, o programa de actividades deste ano ampliarase con respecto a anos anteriores. Así, a festa dará comezo o venres 16 de maio coa tradicional procesión e misa na honra á Virxe de Fátima, ás 22:00 horas, amenizada polo grupo de gaitas Pena do Corvo. Unha hora antes, a Asociación das Carrozas de San Cidre organiza unha nova proxección do documental “As Carrozas do San Cidre: costumes, agro e tradición”, que terá lugar na Casa da Cultura de Camporrapado. Trátase dun traballo audiovisual que recompila momentos, anécdotas e recordos que forman parte do máis de medio século de historia desta celebración.
Para o sábado 17 está programada unha sesión vermú co grupo Alaska, tras a misa cantada das 13:00 horas na honra á Virxe do Rosario. Os grupos Eureka e Alaska encargaranse da verbena.
Día Grande
E o domingo 18 de maio, ás 11:00 horas terá lugar a tradicional mostra e exposición de carrozas diante do bar “O Nervioso”, que sairán en desfile unha hora despois xunto á Charanga BB+ e á parella de bois co carro. Uns vehículos nos que os veciños e veciñas de Oural levan semanas traballando, como ben puideron comprobar recentemente o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, que se achegaron xunto ao alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o concelleiro de Cultura, Gonzalo Redondo Rendo. Unha visita na que puideron comprobar o minucioso traballo da veciñanza para homenaxear ao patrón dos labregos cunha mostra das distintas tarefas relacionadas cos seus traballos diarios. Cincuenta anos nos que a tradición foi tamén evolucionando, pasando dos carros tirados por vacas ás actuais carrozas movidas por vehículos a motor.
A iso das 14:00 horas coñeceranse as propostas gañadoras do Desfile de Carrozas do San Cidre, coincidindo co pregón da festa da man de Adrián Díaz, presentador da TVG. Previamente, ás 12:00 horas, terá lugar a misa na honra a San Cidre, con tirada de foguetes e actuación da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro. A sesión vermú será amenizada polo Grupo Fussión e a Charanga BB+, acompañando á tradicional degustación de petiscos e viño en cada carroza.
Pola tarde, a partir das cinco haberá actividades para os máis cativos, con inchables e unha sesión de Zumba Kids da man de Priscilla Dance. Fin de festa a partir das 18:00 horas co Grupo Fussión e a orquestra La Fórmula.