A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidiu esta mañá o acto conmemorativo do 50 aniversario do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude (Boqueixón), onde puxo en valor a importancia destes centros para o desenvolvemento do rural galego. Alí, a conselleira salientou que o sector primario precisa de profesionais altamente cualificados para asegurar a súa eficiencia e rendibilidade. A conselleira, que estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, asegurou que a liña de traballo do Executivo autonómico pasa por apostar pola educación como un dos piares fundamentais para manter un rural vivo e sustentable. María José Gómez referiuse á boa acollida que está a ter a oferta formativa da Consellería do Medio Rural na actualidade, cunha alta cobertura nas prazas dos graos destes centros.
María José Gómez defendeu tamén a importancia das novas tecnoloxías aplicadas a este sector, e aseverou que os recentes avances en mecanización e informatización traerán consigo novos modelos de xestión beneficiosos para o agro. Por iso mesmo, asegurou, é necesario elevar o nivel de formación e cualificación profesional dos traballadores e empresarios dos ámbitos agrario, gandeiro e forestal. Así, reafirmou que a Xunta de Galicia seguirá a apostar pola formación, mellorando as infraestruturas dos CFEA e ampliando o número de prazas para acoller a demanda do alumnado.
A titular de Medio Rural explicou que o labor da Consellería “non remata na formación”, polo que lembrou algunhas das iniciativas impulsadas polo Goberno galego para favorecer a remuda xeracional, a fixación de poboación e a posta en marcha de proxectos ou a continuidade dos xa existentes; como as achegas para a incorporación de mozos, os plans de mellora ou a xestión da intervención Leader.