Turexpo 2025 serviu de marco para a presentación oficial do programa de actividades «Goza do Ulla 2025», iniciativa promovida polos concellos polos que discorre este río. Unhas rutas de sendeirismo que terán lugar ata o 19 de outubro e que son de participación gratuíta, previa inscrición nos Departamentos de Turismo e Oficinas de Información Turística do concello que organice esta saída ou no mail gozadoulla@gmail.com. Tes toda a información no PDF adxunto.
As próximas citas son Antas de Ulla (22 de xuño) e Monterroso (29 de xuño). Boqueixón será protagonista o sábado 5 de xullo, ofrecendo un percorrido de 9,1 quilómetros polo Roteiro de Pescadores. O punto de encontro será Codeso-San Paio, ás 10:00 horas, con saída do Campo do río de Ponte Ledesma. O percorrido ten unha dificultade media-baixa e pódese completar nunhas dúas horas e media. O Concello de Boqueixón porá autobús de volta ao punto de partida do roteiro.

O punto de partida da andaina é Ponte Ledesma, núcleo poboacional cun importante conxunto etnográfico: Igrexa Parroquial Divino Salvador de Ledesma, Ponte Vella de Ledesma e Ínsuas de Gres sobre o Ulla. Desde aí, as persoas participantes percorrerán o roteiro dos Pescadores (Rede Natura 2000), espazo natural protexido. Trátase dunha fermosa senda propia dos pescadores cunhas vistas de gran beleza ata a parroquia de Donas. Chegarase ata a Capela de San Paio en Codeso, enclave natural e arquitectónico de gran beleza, onde gozar do río Pontillón que desembocará máis adiante no Ulla e dunha fervenza de 7 metros de altura onde finalizará a andaina.
Máis información e inscricións no Departamento de Turismo de Boqueixón: 981 513 061 (María Cruz Ferreiro) e boqueixonturismo@gmail.com.
Adxuntos
- Programa Goza do Ulla 2025 (2 MB)
- Cartel Goza do Ulla 2025 (389 kB)