O Consello da Xunta aprobou hoxe luns a declaración da Festa das Carrozas do San Cidre como Festa de Interese Turístico de Galicia. Un recoñecemento no que se valorou a creatividade e innovación desta celebración promovida pola veciñanza de Oural; o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos, e o adecuado coidado do contorno ou a afluencia de visitantes, entre outros criterios. En abril, o Consello de Turismo xa informara favorablemente sobre esta celebración, polo que agora só queda o trámite da publicación da declaración no Diario Oficial de Galicia, algo que terá lugar nas vindeiras semanas.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quixo felicitar a «todos os veciños e veciñas de Oural por este máis que merecido recoñecemento pola vosa implicación nesta festa, por elaborar cada ano un atractivo programa de actividades, por elaborar esas fermoas carrozas coas que nos sorprendedes cada ano e por poñer en valor rural e o labor dos labregos e gandeiros». Así mesmo, recordou que «se alguén merecía un recoñecemento eran os veciños e veciñas de Oural, que levan máis de medio século poñendo o seu traballo e o seu cariño para ofrecernos unha das romarías que mellor recolle a nosa tradición agraria e gastronómica de toda Galicia e que dende hoxe é Festa de Interese Turístico».
Deste xeito, Boqueixón suma unha nova Festa de Interese Turístico de Galicia á xa recoñecida do Entroido de Sergude, incluída no Entroido dos Xenerais da Ulla; e a unha Festa de Interese Turístico Nacional, como é a Festa da Filloa de Lestedo.
A Festa das Carrozas de San Cidre foi recoñecida hoxe canda outras tres celebracións máis na comunidade autónoma: a Feira tradicional dos Remedios (Ponteareas); a Semana Santa do Carballiño (O Carballiño) e da Feira Cabalar do San Martiño de Francos (Teo). A Xunta salienta que a Festa das Carrozas do San Cidre «conta con medio século de historia e busca poñer en valor os traballos tradicionais do agro ao construír as carrozas de xeito artesanal, con materiais reciclados e do propio campo. Desde modo, tamén quere contribuír á difusión de antigos oficios. A gastronomía vinculada a estas tarefas constitúe outro dos elementos centrais da celebración».