O Pico Sacro de Boqueixón acollerá un ano máis a tradicional cerimonia do Lume Sagrado, que terá lugar este domingo 22 de xuño, a partir das 13:00 horas. A esa hora, a Raíña Alda e o seu druida porán en escena esta tradición ancestral coa que se daba a benvida ao Solsticio de Verán.
Unha tradición á que se poderán sumar todas as persoas que o desexen e se inscriban antes do venres 20 de xuño no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (boqueixonturismo@gmail.com ou 981 513 061). Dende o Concello emprestaráselles un traxe para que se poidan sumar ao séquito da Raíña Alda, composto por integrantes da Asociación Cultural O Castro da Fervenza de Callobre. Un evento que estará amenizado coa música do grupo Son de Gaite, de Sergude.
Unha vez rematada a cerimonia, todas as persoas e entidades que desexen poderán levar o lume sagrado para prender as cacharelas da noite de San Xoán. Para iso só é preciso traer unha vela, un farol ou calquera outro medio para recoller o lume.
Dende o Concello de Boqueixón lembramos que o prazo de solicitude dos permisos para facer esas cacharelas está aberto ata as 23:59 horas do domingo 22 de xuño a través da sede electrónica, ou persoalmente no Rexistro Xeral antes do venres 20 de xuño. Toda a información e modelo de solicitude, picando neste enlace.