O próximo encontro terá lugar a finais do mes de setembro 2025
O local social de Lestedo acolleu a primeira das xuntanzas abertas organizadas sobre a proposta de declarar o Pico Sacro como Ben de Interese Cultural (BIC), en concreto, como Conxunto Simbólico. Unha reunión promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio, en colaboración co Concello de Boqueixón, que serviu como primeiro paso para elaborar un plan de salvagarda participativo, no que se convidou a contribuír activamente a asociacións, colectivos e persoas interesadas. Por iso, a finais de setembro volverá convocarse unha segunda reunión.
Neste primeiro encontro, presidido polo alcalde Ovidio Rodeiro, tomaron parte profesionais de referencia no estudo do Monte Ilicino tales como a coordinadora do informe técnico, Cristina Sánchez Carretero, de Incipi (Centro Superior de Investigacións Científicas); Adela Vázquez Veiga, facilitadora de procesos comunitarios; Rubén Vuelta, técnico de imaxe e son; e o escritor e xornalista Henrique Neira, quen se encarga da parte histórica e simbólica.
O Concello de Boqueixón leva xa tempo traballando nesta iniciativa, que tramita a Xunta de Galicia e que centrou gran parte da última reunión mantida polo alcalde co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. “O Pico Sacro é un dos referentes culturais e turísticos xa non de Boqueixón senón de Galicia. Non esquezamos a relevancia deste monte sacro como orixe de Compostela, tal e como se deixa ver no Códice Calixtino. Un espazo singular que merece ser declarado Ben de Interese Cultural por moitos motivos: pola súa relación coa cultura Xacobea e coa relixión, pola súa pegada na nosa literatura, polas súas características arqueolóxicas, polos seus atractivos para a espeleoloxía ou polos seus valores xeolóxicos, pois se trata dunha montaña de cuarzo nun territorio granítico, o que a converte nunha auténtica singularidade xeolóxica”, defende o alcalde de Boqueixón.