O centro de interpretación do Pico Sacro (Cachosenande – Lestedo) acollerá este sábado 18 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas, a sétima edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Boqueixón para poñer en valor o monte Ilicino e promover a súa candidatura a Ben de Interese Cultural (BIC). Tras seis edicións centradas nunha única temática (cultura Xacobea e relixión, literatura, arqueoloxía, espeleoloxía, xeoloxía e astronomía), este ano ofrecerase unha visión interdisciplinar a través das conferencias de cinco prestixiosos investigadores: Antonio César González García, César Parcero Oubiña, David Fernández Abella, Cristina Sánchez-Carretero e Felipe Criado-Boado.
A participación é totalmente de balde, se ben o número de prazas é limitado polas propias dimensións do centro de interpretación, polo que é preciso inscrición previa en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061 (Departamento de Formación, Emprego e Turismo).
Programa
A sétima edición do ciclo “Un mes e Pico: unha visión interdisciplinar do Pico Sacro” será inaugurado ás 10:00 horas polo alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, que dará paso a cinco ponencias e unha mesa final de debate. As conferencias, de media hora cada unha, comezarán con “O ceo e o Pico Sacro”, da man de Antonio César González García, doutor en Astrofísica, expresidente da Sociedade Europea de Astronomía e membro da delegación en Galicia do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) quen falará do Monte Ilicino como referente da paisaxe galega que serviu como marcador no horizonte para remarcar momentos claves dos percorridos do sol e da lúa vistos desde diferentes contornos nos que se atopan interesantes restos das xentes que habitaron estas paisaxes no pasado.
Ás 11:00 tomará o relevo César Parcero Oubiña, investigador científico no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e arqueólogo especializado na análise do espazo e a paisaxe ao longo da historia, con “O Pico Sacro como referente visual na paisaxe”. Nesta charla, o público verá simulacións feitas por ordenador que achegan datos interesantes como se compara o Pico Sacro con outros fitos visuais.
Antes da pausa para o café, David Fernández Abella, arqueólogo e licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, presentará “A última vida do Pico Sacro”, unha charla na que se falará dos últimos achádegos arqueolóxicos localizados no Pico Sacro neste verán de 2025. Ás 12:30 horas, Cristina Sánchez-Carretero, antropóloga, ex presidenta da Asociación de Antropoloxía do Estado Español, vicedirectora e investigadora do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, falará sobre “Como podemos coidar do Pico Sacro? Metodoloxías de salvagarda baseadas no acordo social”. Unha charla na que presentará os procesos de salvagarda do Pico Sacro como conxunto simbólico senlleiro de Galicia.
Finalmente, Felipe Criado-Boado, arqueólogo, profesor de investigación do CSIC e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio, pechará o ciclo con “A resignificación das montañas sagradas”. Na súa intervención analizará como en moitos países mantense memoria viva das montañas sacras, mentres que en Europa perdéronse case sempre. O ciclo rematará cunha quenda de preguntas e de debate.