A Orde do Camiño de Santiago organiza unha xornada sobre o Camiño de Inverno, que terá lugar este sábado 25 de outubro, a partir das 11:30 horas, no Centro de Interpretación do Pico Sacro (Cachosenande-Lestedo). A participación é de balde, se ben o número de prazas é limitado polo que é preciso inscrición previa en direccion@ordendelcaminodesantiago.es ou no Departamento de Formación, Emprego e Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 ou boqueixonturismo@gmail.com).
Esta xornada forma parte dunha nova edición do programa «Coñece os Camiños», un programa respaldado pola Xunta de Galicia que busca achegar á veciñanza as rutas históricas que unen tradición, natureza e fe a través de actividades que combinan divulgación, cultura e ocio. Así, Boqueixón acollerá varias conferencias para poñer en valor o Camiño de Inverno así como algunhas actuacións musicais.
A Orde do Camiño de Santiago é unha fundación con sede en Compostela que ten entre os seus obxectivos promover os valores universais do Camiño, servir de vínculo entre varios continentes para aquelas persoas que defenden estes valores e difundir o patrimonio cultural e etnográfico das diferentes rutas xacobeas, contribuíndo así a promover un turismo cultural, relixioso ou espiritual.