A Asociación Club de Maiores de Boqueixón volveuno facer. Dúas actuacións, dous cheos absolutos da Casa da Cultura de Camporrapado. E iso que nesta ocasión non estreaban nova obra, senón que repetían coa comedia que tantos éxitos lles ten achegado este ano 2025: “Asuntos escuros”.
Unha peza coa que o Concello de Boqueixón inaugurou unha nova edición do ciclo de teatro amador “BocAberta”, que durante os tres próximos domingos ofrecerá outras tantas funcións de teatro afeccionado. Todas elas terán lugar na Casa da Cultura de Camporrapado, ás 17:30 horas, con entrada libre e de balde.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, non quixo perderse esta primeira actuación do ciclo, felicitando ao elenco de actores polo seu bo facer sobre o escenario. Así mesmo, aproveitou para convidar aos presentes a desfrutar das próximas actuacións: “Criaturas”, do grupo municipal de teatro de ribeira (16 de novembro); “Oculista da vista” e “Ollo por ollo e gato por lebre”, da compañía Licor Café Teatro de Cabanas (23 de novembro); e “O latricar de Vedra”, do grupo de teatro de maiores do centro social de Vedra (30 de novembro).

