A localidade silledense da Bandeira acolleu o pasado sábado a presentación das celebracións do Entroido tradicional da Ulla, que comparten 8 municipios das provincias de A Coruña e Pontevedra ( A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces). Un acto que contou coa participación do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e do concelleiro de Turismo, José Luís Mareque Simón.
A celebración, que o pasado ano foi declarada Ben de Interese Cultural como Patrimonio Inmaterial, chegará neste 2026 a un total de 27 parroquias, con máis de 30 eventos, nos que as voces e os vivas dos Xenerais volverán encher de tradición as celebracións do entroido. As celebracións en Boqueixón terán lugar o 15 de febreiro, Domingo de Entroido, en Sergude, con percorrido pola parroquia dos Xenerais, Correos e Coros durante a mañá e os Atranques a partir das 20:00 horas no campo da festa; e o 22 de febreiro, Domingo de Piñata, co desfile Intermunicipal e os Atranques dos Xenerais dentro da Festa da Filloa de Lestedo.
Na presentación deste ano, un dos eixos principais foi o futuro desta tradición, cuestión que tamén se recolleu coa participación do alumnado da Escola de Xenerais da Bandeira. O Entroido tradicional da Ulla é unha das manifestacións máis singulares do entroido galego, caracterizada polos Xenerais da Ulla, personaxes centrais desta celebración que, montados a cabalo ou a pé, percorren parroquias e lugares acompañados polas súas “tropas”.
Vestidos con vistosos uniformes, tricornios e bandas, os Xenerais protagonizan os tradicionais atranques ou altos, batallas dialécticas cheas de ironía, crítica social e humor, nos que se repasan feitos de actualidade e asuntos da vida local. A tradición complétase nalgún dos casos coa participación do coro, as comparsas e parrandas, nunha celebración colectiva transmitida de xeración en xeración, que mantén viva a identidade cultural da comarca da Ulla e do interior de Galicia.