Sergude celebra este domingo 15 de febreiro a súa festa de Entroido, que inclúe a partir das 20:00 horas un dos famosos Atranques dos Xenerais da Ulla, festa declarada de interese turístico de Galicia. A festa dará comezo ás 10:00 horas coa saída do campo da festa dos Xenerais, Correos e Coros, que percorrerán esta parroquia de Boqueixón acompañados da música do grupo local Son de Gaita.
Xa pola tarde, ás 19:00 horas está prevista a chegada ao campo da festa da Parranda de Entroido, canda os Correos e os Xenerais. Tras as actuacións da Parranda e dos Coros do Entroido, procederase ao sorteo dunha carretilla con produtos do Entroido. A iso das 20:00 horas están previstos os Atranques dos Xenerais da Ulla, que escenificarán os seus tradicionais enfrontamentos dialécticos por parellas nos que farán sátira de asuntos locais, de política ou do corazón acontecidos durante o ano. O fin de festa correrá a cargo da discoteca móbil Impacto.
A celebración está organizada pola Comisión de Festexos San Bieito de Sergude, en colaboración co Concello de Boqueixón e os Xenerais da Ulla. No campo da festa haberá carpa, así como un amplo aparcadoiro gratuíto na súa contorna.

