A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou este domingo o domicilio de dúas persoas dependentes de Boqueixón para avaliar o impacto que terá o acordo acadado entre a Xunta e a Fegamp para o incremento a achega a este servizo, que permitirá que os concellos poidan mellorar a súa prestación. Durante o acto, estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro e polo director xeral do gabinete técnico da Presidencia, Emilio de la Iglesia.
A conselleira explicou que “se trata dun acordo histórico que suporá un incremento do 50% da achega do Goberno galego” a este servizo que é de competencia municipal. En concreto, explicou que no caso do concello de Boqueixón, o incremento ao longo destes tres anos será de case máis de 425.000 euros, o que lle suporá, recalcou, un importante aforro nas arcas municipais, ao tempo que segue blindando a súa ratio de atención, que se sitúa no 98%, sendo unha das máis elevadas da súa contorna.
Deste xeito, Fabiola García sinalou que “coas cifras na man vemos o beneficioso que será este acordo para os concellos galegos” e que demostra o compromiso da Xunta de Galicia coas Administracións locais e, sobre todo, con todos os dependentes galegos. Por iso, insistiu en que “é unha mágoa, que mentres a Xunta avanza en dereitos sociais, o Goberno central siga sen cumprir a Lei” e sen aportar o 50% do financiamento; polo que, lembrou, a débeda con Galicia ascende a 2.900 millóns de euros.
Por outra parte, a conselleira tamén denunciou que o Goberno central paralizou o plan de choque da dependencia e da discapacidade da Xunta por un afán puramente recadatorio. Así, explicou que coas máis de 12.500 homologacións automáticas da discapacidade realizadas pola Xunta o pasado ano, o Executivo central deixou de recibir 114 M€, causando un importante dano a todos os galegos. Neste sentido, denunciou que, a día de hoxe, o Goberno galego non pode conceder automaticamente a discapacidade a 2.600 persoas con dependencia que a teñen solicitada por culpa de dito recurso.
Tras a reunión, a conselleira de Política Social e Igualdade asistiu á Feira da Filloa, un evento enmarcado na XLIII Festa da Filloa de Lestedo, recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional.
