A Festa da Filloa de Lestedo, declarada de Interese Turístico Nacional en 2024, ofreceu esta mañá unha cata sensitiva dirixida a integrantes de ONCE Santiago. Esta iniciativa, incluída dentro da sección Filloa Cooking do evento, contou coa participación de preto de 40 persoas, sendo máis da metade asociados da ONCE.
O alcalde de Boqueixón Ovidio Rodeiro; o director da Axencia de Santiago de Compostela, José Antonio Riveiro, e o presidente da Asociación da Filloa de Lestedo, Juan Silva, pecharon esta actividade. O rexedor agradeceu novamente á ONCE a súa implicación na posta en valor da Festa da Filloa de Lestedo e salientou que se algo demostran actividades como a de hoxe é que “a Filloa de Lestedo une, e moito”.
Pola súa banda, José Antonio Riveiro, agradeceu “a excelente organización da cita”, e agardou que este sexa o comezo de vindeiras colaboracións. Juan Silva aproveitou para convidar as persoas participantes na actividade a achegarse este domingo a Lestedo para gozar do día grande da Festa da Filloa.
Poñendo a proba o olfacto e o gusto
As persoas asistentes utilizaron máscaras para poñer a proba os seus sentidos do olfacto e do gusto á hora de catar os tres viños da D.O. Rías Baixas, da subzona da Ribeira da Ulla, e outros tantos pratos que harmonizaron á perfección coas propostas elixidas. Para isto, contaron coas indicacións de Charly Torres, docente do CIFP Compostela na especialidade de Servizos de Restauración, e do chef José Manuel Mallón, quen sorprendeu cos seguintes petiscos: Filloa de Lestedo fritida con steak tartar de Tenreira Galega ás herbas frescas; Canelón de filloa de garavanzo e chourizo salteado con queixo DOP Arzúa-Ulloa; Filloa flambeada con Augardente de Galicia, crema de Queixo do Cebreiro e marmelo de figo.



