O Concello de Boqueixón vén de licitar por 60.574,87 euros o proxecto de mellora e ampliación da senda dos pescadores e viticultores do Ulla. Trátase dunha senda existente á beira do río e que discorre por camiños que eran usados tradicionalmente polos pescadores da zona. Agora, co asentamento na comarca de novos viticultores, o Concello aposta por aproveitar os novos camiños abertos por eles na explotación dos viñedos para acometer esta ampliación, favorecendo a creación de novos accesos á ruta.
A maiores, instalarase unha extensa sinaléctica para guiar aos sendeiristas, tanto ao longo da ruta como nos puntos máis turísticos da contorna. Así está previsto instalar 10 sinais informativas nos dous extremos da ruta, no miradoiro de Neira Vilas, na entrada e saída do lugar de Donas e nos locais de hostalería da contorna. Outras 33 sinaisa instalar serán de tipo direcciónal, para guiar aos sendeiristas nos cruces e cara os puntos de interese. Ademais, reporanse as mesas informativas.
Os traballos tamén inclúen a colocación de aparcabicis nas contornas dos establecementos hostaleiros da zona e a construción dunha escaleira que facilite o acceso á Fervenza de Codeso, á que actualmente se accede por unha pendente na que é preciso usar uns cordóns amarrados nas árbores como pasamáns. Completaríase a actuación coa roza e limpeza do terreo e coa instalacion dun banco no Miradoiro Neira Vilas.
As empresas interesadas teñen ata o 8 de marzo para presentar as súas ofertas.