O Concello de Boqueixón vén de licitar por 136.344 euros as obras de mellora de sete estradas municipais. Unhas obras licitadas ao abeiro do POS+ Ad 2/2025 e cuxo prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 25 de marzo. As obras inclúen:
- Mellora do viario Vigo á AC-261. Mellora da capa de rodaxe dunha estrada de 1.389 metros de longo e 4,5 metros de ancho, con 150 metros cadrados de abanicos. As obras incluirán unha ampliación da estrada de medio metro en cada lado, o bacheo previo de todo o viario e a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal.

- Mellora dos accesos a Piñeiro de Arriba. Mellora da capa de rodaxe dun viario de 200 metros de longo e 4 metros de ancho, así como 100 metros cadrados de abanicos, cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente acometerase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias nuns 700 metros para garantir a correcta drenaxe da zona.

- Mellora de viario ata Reboredo. Mellora da capa de rodadura dunha estrada de 395 metros de longo por 4,3 metros de ancho con 5 centímetros de aglomerado en quente. Tamén se mellorarán 100 m2 de abanicos e se procederá ao arranxo de fochancas con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. As obras inclúen a apertura de gabias e salvagabias para garantir a drenaxe na contorna. A maiores, construirase unha cuneta de seguridade de 40 metros e colocará a correspondente sinalización horizontal, co pintado das liñas de borde.

- Mellora da estrada Torre A Costiña – Lamas. Aglomerado en quente de 5 centímetros para mellorar a capa de rodaxe deste viario, de 410 metros de longo por 4 metros de ancho, así como en 550 metros cadrados de abanicos. Previamente, procederase ao bacheo da zona con grava e tratamento asfáltico semiprofundo, así como á ampliación da estrad en medio metro, 0,25 metros a cada lado, con 20 centímetros de zahorra, 15 cm de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, inclúes a apertura de gabias e limpeza de salvagabias, así como o pintado das liñas de bordo da estrada e da correspondente sinalización horizontal.

- Mellora na rúa Monte Ilicino. O proxecto inclúe a mellora da capa de rodaxe desta estrada, de 170 metros de longo por 3,5 metros de ancho, así como en 90 m2 de abanicos e sobreanchos, a través dun tratamento asfáltico superficial e rego de selado, previo bacheo da estrada. Tras a apertura de gabias e limpeza de salvagabias, colocarase un sinal de STOP.

- Mellora de viario en Lamas. Cinco centímetros de aglomerado en quente mellorarán a capa de rodaxe desta estrada, de 180 metros de longo por 4 metros de ancho, así como de 50 metros cadrados de abanicos. Previamente, bachearase o viario con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Tras abrir as gabias e limpar as salvagabias para unha correcta drenaxe, pintaranse as liñas de borde do viario e a correspondente sinalización horizontal.

- Mellora de acceso en Noenlle. Mellora da capa de rodaxe dun viario de 60 metros de longo e 4 de ancho con tratamento asfáltico superficial e selado, previo bacheo do mesmo. Finalizarase a obra coa apertura de gabias e limpeza de salvagabias para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal.
