A COVA DA CURUXA
Esta lenda está tomada dunha crónica medieval do século XVI escrita por Vasco da Ponte, titulada “Relación de algunas cosas y linajes del Reino de Galicia”, na que describe a exploración da chamada cova da Curuxa.
Según se contaba, nesta cova existía un gran tesouro, agochado nas entrañas da terra e custodiado polos encantos ou mouros xigantes que habitaban nas cavernas e nos castros.
O protagonista do relato era Álvaro Pérez de Moscoso, da casa de Altamira, unha das familias nobres máis importantes de Galicia. Contase que, aconsellado por un frade nigromante, decidiu explorar a caverna en busca dos seus tesouros. Levou consigo a 30 homes entre escudeiros e peóns ben armados e provistos de antorchas. Chegados á boca da cova cravaron no chan grosas estacas ás que amarraron unas cordas resistentes para poder descolgarse.
Comezaron o descenso e aos poucos metros atopáronse uns enormes paxaros que batían contra eles dos que tiveron que defenderse empregando as dagas e coitelos que portaban ata que, finalmente, chegaron ata un gran río que lles impedía o paso. Pero non foi o río o que lles causou maior sorpresa senón unha estancia ricamente amoblada na que refulxía o ouro e as pedras preciosas, habitada por xentes estrañas que portaban vaporosas túnicas e bailaban ao ritmo duns instrumentos para eles descoñecidos.
O frade intentou convencelos para que cruzasen o río, pero eles, por medo non se atreveron; nese intre comezou a soprar un forte vento cun olor asqueroso que apagou as antorchas. Comezaron a tirar polas cordas para saír ao exterior agoniados pola sensación de asfixia que aquel aire lles producía. Según se conta, acabaron todos mortos menos o frade que quedou cego.
Moitos investigadores identificaron a cova da Curuxa coa gruta do Pico Sacro, xa que esta é a única gruta coñecida dentro do territorio do antigo señorío de Altamira.