ERMIDA DE SAN SEBASTIÁN DO PICO SACRO
Na ladeira meridional e a escasos metros do cumio do Pico Sacro atopamos esta pequena capela dedicada a San Sebastián. De orixe románica, fundada polo bispo Sisnando ao comezo do século X, é o que nos queda do antigo cenobio beneditino, pódese consultar (a través dun clic) o estudo histórico-artístico pormenorizado da mesma e realizado pola doutora en Historia da Arte, Paula Rey Suárez.
O culto a San Sebastián mártir é moi antigo; invócase contra a peste e contra os inimigos da relixión, e ademais é chamado o Apolo cristián xa que é un dos santos máis reproducidos pola Arte en xeral.
A ROMARÍA DE SAN SEBASTIÁN
A Ermida de San Sebastián é o escenario de dúas salientables romarías moi populares en toda a comarca. A primeira, celébrase o día 20 de xaneiro coincidindo coa data do seu patrón San Sebastián e a outra, o derradeiro domingo de maio, que ven podería ser na honra da montaña. Aínda que, existe un dito popular entre os habitantes da zona que di que “O Pico de xaneiro é o Pico verdadeiro”.
Desde a antigüidade os devotos, procedentes de todos os lugares do val do Ulla, achegábanse camiñando ata o cumio para ofrecerse ao santo Era doado oírlles cantar mentres ascendían:
“Ao San Sebastián rubamos
Na cima do Pico Sagro
Para ver raiar o sol
Nas torres de Sant-Iago”.
A subida ao monte era complexa, xa que se facía a través de estreitos e accidentados camiños. Nesta época ademais dos oficios relixiosos a romaría tiña tamén un compoñente máis profano, xa que logo de escoitar a misa, os romeiros espallábanse pola ladeira do monte para dar conta dunha comida campestre amenizada polo son das gaitas ou dalgunha banda de música
Na actualidade, a mellora dos accesos permite chegar ata a ladeira do monte, se ben, os máis maiores seguen conservando a tradición de
achegarse camiñando. Aínda hoxe son numerosos os romeiros que desde primeira hora da mañá participan nos oficios relixiosos e cumpren coa tradición de pasar pola imaxe de San Sebastián unha ramiña de tuia para, a continuación, pasala pola parte do seu corpo que queren sanar. O santo está considerado moi milagreiro particularmente na curación de enfermidades relacionadas cós osos e o reuma. Os mais anciáns recordan que a planta que, tradicionalmente, se levaba non era tuia senón urce ou queiruga.
Existe tamén un relicario de prata que foi doado polo conde de Ximonde e que conserva os osos do santo mártir, e o día do santo, os fieis poden besalo unha vez rematada a misa.
IGREXA DE SAN LOURENZO DA GRANXA.
Mandada construír polo bispo Sisnando no Século X, según Guerra Campos, para destinala a centro de culto dos colonos que traballaban e vivían na granxa do antigo mosteiro. A igrexa orixinal foi substituída por outra más ampla no século XII da cal conservamos hoxe a capela maior. Para o seu análise estilístico remitímonos ao estudo de Paula Rey Suárez.