O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, vén de recibir no salón de plenos a Lucía Munín, Lucía Pol e Irene Ferreiro, judokas da Escola Judo Club Boqueixón, a quen felicitou polos seus recentes éxitos deportivos. Pola súa banda, dende o club aproveitaron para presentarlle ao alcalde os próximos tres eventos deportivos que terán lugar no Forte e en Lestedo durante este mes de maio e principios de xuño.
Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para trasladar unha felicitación oficial en nome de toda a veciñanza a Lucía Munín, Lucía Pol e Irene Ferreiro polos seus extraordinarios logros nos campionatos autonómico e nacional celebrados o pasado mes de abril. Así, no Campionato Galego Escolar Infantil disputado en Lugo, Irene Ferreiro, veciña de Santa María, proclamouse subcampioa galega na categoría de menos de 48 kg; Lucía Munín, veciña de Lestedo, lograba tamén o subcampionato na categoría de menos de 40 kg; mentres que Lucía Pol, veciña de Sergude, completaba a xesta cunha medalla de bronce en menos de 63 kg.
Uns días despois, Lucía Munín conseguía a medalla de bronce no Campionato Nacional Escolar Infantil celebrado en Huesca, un fito histórico pois é a primeira medalla nacional lograda por unha deportista de Boqueixón nunha modalidade deportiva olímpica como é o judo. Pola súa banda, Lucía Pol tamén completou un meritorio torneo, chegando ata os cuartos de final e quedando a un paso das medallas.
Próximas actividades
As judokas da Escola Judo Club Boqueixón aproveitaron a súa visita ao Concello para presentar tamén as tres próximas actividades deportivas que terán lugar no municipio. A primeira delas terá lugar este mesmo sábado 24 de maio, cunha xornada protagonizada pola judoka Marta Arce Payne, dúas veces campioa do mundo, dúas veces campioa de Europa, medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004 e Pekín 2008; e medalla de bronce nas olimpíadas de Londres 2012 e París 2024. Marta Arce impartirá unha charla no ximnasio do Forte este sábado 24 de maio ás 12:00 horas e, a partir das 16:00 horas, impartirá unha clase de judo adaptado.
Para o próximo sábado 31 de maio está programado o VIII Torneo de Primavera Kumi Kata, que terá lugar no pavillón municipal do Forte. Máis información e inscricións en escolajudoclub@gmail.com. E para o venres 6 de xuño está programada unha clase de defensa persoal na Skola de Lestedo.
Tres actividades organizadas pola Escola Judo Club Boqueixón, en colaboración co Concello de Boqueixón, a Federación Galega de Judo, Iberdrola, Invbit, Skola e NKL.