Programa de prevención de drogodependencias e outras condutas adictivas

IMG_7148

 

Máis de medio millar de rapazas e rapaces da área de Boqueixón, Teo e Touro benefícianse das actividades de prevención que desenvolve o equipo técnico do Servizo de prevención de drogodependencias e outras condutas adictivas, sito no municipio boqueixanés. As súas actuacións, que abranguen ademais do ámbito escolar, o familiar e o xuvenil, dan cobertura aos sete centros da área de influencia mencionada,  achegándose a preto de 2000 beneficiarios.

Este traballo comeza na infancia a través da promoción de hábitos saudables, continuando na primaria mediante o adestramento de habilidades socias como a asertividade, a empatía e a escoita activa, importantes para  a adquisición de  estilos de comportamento axeitados, a comunicación interpersoal, a resolución de conflitos, a resistencia á presión do grupo de iguais, etc. Na secundaria abordase máis directamente  a temática das drogas propiamente dita e os usos indebidos de internet e as redes sociais coa finalidade de que a poboación adolescente adquira conciencia dos perigos que estas condutas entrañan.

 Pais e nais non quedan ao marxe desta labor, pois dende o Servizo de Prevención organizan encontros onde se tratan temas que preocupan a este colectivo de cara a mellorar as súas habilidades educativas, tomando conciencia do seu importante rol na prevención.

No referente ao ámbito xuvenil, no ano 2015 formouse a 15 xóvenes en mediación, buscando a implicación,  participación e promoción de actividades de ocio saudables por parte da poboación moza. Prevese aumentar a formación de mediadores de cara os vindeiros meses, coa finalidade de conseguir que toda a comunidade teña un papel de peso na consecución do obxectivo primordial: evitar o consumo problemático de substancias.

Comparte esta nova:

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

© Concello de Boqueixón 2025