A Festa da Filloa de Lestedo conmemora a súa 38 edición cunha celebración virtual

A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón, conmemorará a 38 edición da celebración cunha versión virtual da Festa da Filloa. Fotografias de elaboracións con filloas e as coplas dos Xenerais da Ulla centrarán os contidos que se compartirán mañá a través da Internet.

O certame fotográfico Filloarte recibíu máis de medio cento de imaxes que se difundirán nun álbum da fan page de Facebook da Festa da Filloa de Lestedo (https://www.facebook.com/filloaoficial). Elaboración de filloas, presentacións emplatadas e creatividades en base a este produto estrela do Entroido.

Dende a publicación das mesmas, abrirase un periodo de votacións para que as persoas usuarias poidas dar o gústame á súa proposta favorita. As tres imaxes que acumulen máis likes serán as gañadoras dos premios en vales de compra nos establecementos do Concello de Boqueixón. Así, a fotografía gañadora levará 200 euros, mentres que a segunda clasificada estará valorada con 100 euros e a terceira, con 50 euros.

Atranque dos Xenerais da Ulla

A programación da Festa da Filloa incluirá tamén a estrea dun atranque virtual dos Xenerais da Ulla de Lestedo. Un atranque protagonizado por Uxía Canabal Peón e Xulián Vázquez Canabal, que dan boa conta de que en Boqueixón o relevo xeracional neste entroido tradicional está garantido.

Dende o Concello de Boqueixón e dende a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo agradecen “a implicación da veciñanza no desenvolvemento destas actividades e no mantemento desta celebración. Sen o seu esforzo e traballo non sería posible acadar o éxito acumulado nestes 38 anos de andaina”.

Estrea de páxina web

Por outra banda, a Asociación Cultural da Festa da Filloa de Lestedo estreará tamén unha páxina web sobre a celebración. Nela incluirase tanto información sobre a creación da festa, así como detalles sobre a elaboración da Filloa de Lestedo, o Entroido da Ulla e tamén imaxes das últimas edicións.

Comparte esta nova:

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

© Concello de Boqueixón 2025