BOQUEIXÓN AUMENTA EN 292 HORAS O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR PARA DEPENDENTES ATA CHEGAR ÁS 1.565 HORAS MENSUAIS

BOQUEIXÓN AUMENTA EN 292 HORAS O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR PARA DEPENDENTES ATA CHEGAR ÁS 1.565 HORAS MENSUAIS

  • Este incremento permitirá atender a 5 novos usuarios e incrementar as prestacións doutros 5
  • Dende o 2012 non se producían incrementos horarios neste servizo, que atende a 31 veciños
  • A residencia de maiores Santa Olaia de Codeso concerta 15 prazas públicas coa Consellería de Traballo e Benestar

O concello de Boqueixón vén de incrementar nun 23% as horas destinadas a atención das persoas en situación de dependencia con dereito de atención recoñecido na correspondente resolución do Programa Individual de Atención (PIA).

Deste xeito, o concello pasa de prestar 1.273 horas mensuais a 1.565, un total de 292 horas máis. O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, destaca “que este incremento foi posible gracias a un maior financiamento da consellería de Traballo e Benestar”

O aumento de horas permitiu outorgarlle o servizo a 5 persoas en situación de severa ou gran dependencia que se atopaban na lista de agarda (Programa de Asignación de Recursos) á espera de acceder de forma efectiva ao servizo. Así mesmo, posibilitou que outras 5 que xa percibían o servizo viran incrementada a intensidade horaria mensual ata o máximo correspondente segundo o seu grao de dependencia.

Desde finais de 2012 o Concello de Boqueixón non incrementaba as horas asignadas mensualmente para a prestación deste servizo.

Nestes intres, o departamento de Servizos Sociais xestiona axuda domiciliaria a un total de 31 persoas na modalidade de dependencia, na súa maioría de idade avanzada. A intensidade do servizo oscila entre un mínimo de 21 ata un máximo de 70 horas ao mes, en función do grao de dependencia recoñecido á persoa beneficiaria.

Ademais deste incremento nas horas de atención á dependencia, o alcalde tamén destacou que a consellería de Traballo e Benestar vén de establecer un concerto de 15 prazas na Residencia Santa Olaia de Boqueixón, o que posibilitará que os veciños poidan optar a unha praza pública deste centro a través do sistema de dependencia.

Comparte esta nova:

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

© Concello de Boqueixón 2025