Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Bandos e avisos

A Xunta licita a execución da nova depuradora de Sergude por máis de 1,8 millóns de euros

23 de xuño de 2020

NovaEDARBoqueixon

Augas de Galicia vén de licitar as obras de execución da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sergude. Trátase dunha importante actuación en materia de servizos básicos e que conta cunha inversión que supera os 1,8 millóns de euros. O prazo de execución desta obra é de 12 meses.

A presentación de ofertas para a execución desta infraestrutura estenderase ata o vindeiro 23 de xullo. As empresas interesadas poderán consultar toda a información na plataforma de contratos públicos de Galicia.

“Esta nova EDAR suporá unha mellora moi considerable na dotación do servizo de saneamento á nosa veciñanza, xa que contará cunha maior capacidade”, indica o rexedor boqueixanés, Manuel Fernández Munín. O alcalde lembrou que esta obra permitirá mellorar a rede de saneamento e de colectores para unha poboación de ata 3.000 habitantes, triplicando, deste xeito, a capacidade da actual depuradora.

O proxecto desta nova infraestrutura, cuxos terreos foron visitados o pasado mes de agosto -intre ao que pertence a imaxe desta nova-, inscríbese no marco do convenio de colaboración asinado por Augas de Galicia co Concello de Boqueixón.  O organismo autonómico encárgase de achegar a maior parte do financiamento e de contratar a execución das obras, mentres que ao Concello correspóndelle o cofinanciamento, a xestión (e cesión) dos terreos para a futura planta de tratamento de augas residuais e asunción da súa conservación e explotación unha vez rematados os traballos. As actuacións contan co cofinaciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo