O Concello de Boqueixón informa de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias de 16 escalas profesionais cuxo sistema de selección será o de oposición libre e non o de concurso-oposición tal e como se viña empregando nos últimos anos. Polo tanto, a partir de mañá martes a Xunta abrirá o prazo para inscribirse nas oposicións para estas 333 prazas de emprego público.
A estas oposicións poderá presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas convocatorias, e a súas posibilidades de lograr unha praza dependerán exclusivamente da preparación e do esforzo realizado polos aspirantes no proceso selectivo. Polo tanto, non haberá unha fase de concurso na que se valoren os méritos de experiencia profesional ou a formación.
A categoría para a que se convocan máis prazas é a de persoal subalterno con 119 prazas, que é á súa vez, é a categoría que presenta menos requisitos de titulación para os aspirantes. Tamén se convocan 65 prazas para a escala de auxiliar coidador, 54 para a escala de auxiliar de enfermería ou oito prazas para a escala técnica de Finanzas.
Ademais, inclúense 33 prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual: 28 delas para persoal subalterno e cinco para o Corpo auxiliar da Administración.
Todas estas prazas corresponden ás Ofertas de Emprego Público (OEP) do ano 2019, 2020 e 2021. A maiores, a Xunta aprobará antes do mes de xuño unha nova Oferta de Emprego Público (OEP) para dar cumprimento á Lei 20/21 do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público e que incluirá prazas que se cubrirán por concurso de méritos e por concurso-oposición.
Inscricións ata o 4 de maio
O prazo de inscrición ábrese mañá, 5 de abril e remata o vindeiro 4 de maio, co que as persoas interesadas en participar nos procesos selectivos terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude electrónica que se facilita gratuitamente na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública (funcionpublica.xunta.gal), e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala. O modelo de solicitude está dispoñible na ruta ‘Procesos selectivos’ – ‘Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos’- e os aspirantes deben dispoñer dun certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), DNI electrónico ou Chave 365.