Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Actualidade

Aberto ata o 20 de marzo o prazo de solicitude de prazas no CRA Boqueixón-Vedra “Neira Vilas”

1 de marzo de 2023

O Concello de Boqueixón informa de que, do 1 ao 20 de marzo, é o momento para solicitar praza no CRA Boqueixón-Vedra “Neira Vilas”. As solicitudes poderán presentarse de forma presencial no centro docente ou, preferiblemente, por vía electrónica. Para iso é preciso descargar este formulario (ou descargalo da web oficial: https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/) e presentalo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/).

Para a presentación electrónica das solicitudes é preciso empregar algún dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, como o sistema de usuario e Clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Entre a documentación precisa figura o DNI ou Libro de Familia e certificado de escolarización en casos de traslado de centro.

Para calquera dúbida ou aclaración:

  • Escola de Camporrapado: 649 737 678
  • Escola de Sergude: 616 440 472
  • Escola de Lestedo: 616 440 474
  • Dirección: 616 440 471

O CRA Boqueixón-Vedra “Neira Vilas” naceu no ano 2006 e conta con seis escolas, tres do Concello de Boqueixón (Sergude, Lestedo e Camporrapado) e tres do Concello de Vedra (Sarandón, San Fins e San Xián). O centro conta con 15 mestres/as e as escolas son dixitais, con encerado dixital interactivo en todas as aulas, ordenadores de mesa, ordenadores portátiles e tablets.

Ademais das clases coa titora/titor, o alumnado de Infantil e de Primaria conta coas seguintes especialidades: lingua inglesa, educación musical, educación física, formación relixiosa ou atención educativa. A maiores, conta cun departamento de orientación polo que, no caso de precisar atención personalizada, o alumnado ten á súa disposición sesións individuais de audición e linguaxe así como de pedagoxía terapéutica.

No CRA Boqueixón-Vedra “Neira Vilas” desenvólvese distintos proxectos:

  • Rede escolas na nube: cun escritorio virtual dende o que o alumnado accede a todo o material (vídeos, xogos, fichas, traballos) dende a escola ou dende a casa.
  • Proxecto Roboticrá: porque a robótica ofrece un amplo abano de posibilidades para desenvolver co alumnado.
  • Proxecto Intercultural: achegamento do alumnado a diferentes culturas a través do voluntariado.
  • Programa europeo de froita e leite na escola: froita e leita na hora da merenda durante 2 período de 10 e 20 días.
  • Plurinfantil: área infantil na lingua inglesa.
  • Sección bilingüe: impartimos en inglés a área de educación plástica aos nosos alumnos/as de Primaria.
  • Proxecto Plambe: proxecto de mellora da biblioteca
  • Proxecto Voz Natura: para concienciar ao alumnado sobre o coidado do medioambiente.
  • Plan Proxecta Xogade: que combina o programa deportivo, lúdico e participativo para os escolares.

Adxuntos

Compartir
WhatsApp Facebook Correo