O Concello de Boqueixón informa de que os clientes do comercio galego de proximidade xa poden descargar e empregar o Bono Activa Comercio. Cada veciño e veciña de Boqueixón poderá descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que suman xa máis de 4.000.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa e o importe irase reducindo en función do valor da compra:
- ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros
- a rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euro e inferiores a 50 euros.
- a partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores ata o 31 de decembro, salvo esgotamento previo dos 2,5 millóns de euros destinados pola Consellería de Economía, Industria e Innovación para incentivar a demanda e atraer nova clientela aos establecementos de proximidade. Uns establecementos que aínda se poden seguir adherindo á iniciativa, tendo como data límite o 15 de decembro.
Con esta nova edición a Consellería de Economía, Industria e Innovación amosa o seu compromiso tanto co comercio local como coas persoas consumidoras convocando este programa que sempre tivo unha repercusión moi positiva. De feito, desde a súa posta en marcha no ano 2021 xa se mobilizaron preto de 54 millóns de euros neste sector favorecendo máis de 950.000 transaccións nos establecementos comerciais.