Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Actualidade

As andainas do Goza do Ulla volven o vindeiro sábado 20 de xullo a Boqueixón

17 de xullo de 2024

Boqueixón acollerá este sábado 20 de xullo unha nova andaina do programa “Goza do Ulla”, unha iniciativa na que vinte municipios propoñen rutas de sendeirismo seguindo o río Ulla. No caso boqueixonés, a proposta será cubrir o Roteiro dos Pescadores, un percorrido de 9,6 km, de dificultade medio-baixa e que se pode cubrir en dúas horas e media.

A saída terá lugar do campo do río de Ponteledesma, ás 10:00 horas, nunha  localidade na que os visitantes poderán desfrutar da Ponte Vella, das Ínsuas de Gres sobre o Ulla e da igrexa parroquial Divino Salvador de Ledesma. A expedición percorrerá o Roteiro dos Pescadores, un espazo natural protexido incluído na Rede Natura 2000 e que o concello vén de rozar recentemente para que estivera nas mellores condicións cara esta temporada de verán.

Trátase dunha senda propia de pescadores que chega ata a parroquia de Donas, onde os camiñantes desfrutarán de fermosas vistas. Despois, a expedición continuará ata a capela de San Paio (Codeso), onde desfrutarán dunha fervenza de sete metros de altura. Recoméndase levar calzado cómodo, auga e algo para comer (froita, chocolates ou froitos secos).

As persoas interesadas en participar deberán anotarse en boqueixonturismo@gmail.com ou no 981 513 061.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo