Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

CIM

Boqueixón e Vedra convocan a andaina teatralizada “No camiño da igualdade”, entre Agronovo e Sucira

14 de febreiro de 2025

Os Concellos de Boqueixón e Vedra organizan a andaina “8M. No camiño da igualdade”, unha iniciativa para conmemorar o Día da Muller e que este ano terá lugar o domingo 16 de marzo. A andaina, duns 12 quilómetros de lonxitude, desenvolverase entre a área de recreo de Agronovo (Vedra) e a carballeira de Sucira (Boqueixón).

Ademais do novo percorrido, a andaina “No camiño da igualdade” presenta unha novidade: será teatralizada. Deste xeito, dende os Concellos de Boqueixón e Vedra buscan que a andaina deste ano sexa máis sensibilizadora en materia de igualdade.

A participación é gratuíta, se ben o número de prazas é limitado. Por iso, as persoas interesadas en participar deberán anotarse antes do 12 de marzo a través deste formulario web ou por teléfono no 981 513 106 (Boqueixón) ou 669 041 486 (Vedra).

As persoas participantes na andaina concentraranse na área de recreo de Agronovo ás 9:30 horas do domingo 16 de marzo. Aló deixarán os seus vehículos e sairán cara a Carballeira de Sucira, percorrendo uns 12 quilómetros. A volta a Vedra farase en autobús e de balde. Ademais, terán dereito a un bocadillo e un agasallo conmemorativo do 8 de marzo.

Esta terceira edición da andaina “8M. No camiño da Igualdade” está financiada polo Ministerio de Igualdade, con cargo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e polos concellos de Boqueixón e Vedra.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo