A Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia vén de presentar a nova convocatoria do programa «Benestar en Balnearios», que chega á súa duodécima edición como un referente no envellecemento activo e saudable. Grazas a el, as persoas maiores de 60 anos, ou pensionistas de máis de 55, poderán desfrutar de estadías en pensión completa en 15 establecementos de Galicia. O prazo está aberto ata o 26 de xuño.
Normativa
Orde do 12 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do programa de Benestar en balnearios e axudas para o ano 2026, e se procede á súa convocatoria. (DOG nº 96 do 26/5/2026) BS607A
Extracto (DOG nº 96 do 26/5/2026)
Baremo Anexo V Folleto balnearios 2026
Obxecto
Convocar un total de 1.276 prazas para participar no programa de Benestar en balnearios 2026, que se desenvolverán nas quendas e nos establecementos termais recollidos no anexo IV.
En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.
Persoas beneficiarias
Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:
- Ter 60 anos ou máis, ou ter 55 ou máis e posuír a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
- Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.
- Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
- Non ter contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
- Acadar, de conformidade co baremo, a puntuación que lle permita acceder a algunha das prazas e das quendas solicitadas.
- Cumprir cos requisitos e obrigas establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Acompañantes
A persoa solicitante poderá ir acompañada de:
- O seu cónxuxe, parella de feito ou persoa coa que manteña unha unión estable e de convivencia cunha relación análoga á conxugal, sempre que esta cumpra os requisitos do número 1, agás o recollido na letra a). A dita circunstancia acreditarase mediante unha certificación de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito, o libro de familia, un certificado do Rexistro Civil ou, de ser o caso, mediante un certificado de empadroamento ou documentación equivalente que acredite a convivencia.
- Un fillo ou unha filla cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poida acudir sen apoio de terceira persoa, se desprace con autonomía, e cumpra os demais requisitos do número 1, agás o da letra a). Con carácter xeral, compartirá a habitación coas persoas proxenitoras solicitantes. De existir dispoñibilidade, poderá optar por unha habitación individual nos termos previstos nesta orde e aboará o suplemento correspondente, de acordo coas tarifas ofertadas polo establecemento.
- Calquera outra persoa coa que desexe participar no programa, sempre que cumpra integramente os requisitos establecidos no número 1.
As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Duración e servizos ofertados
Cada quenda terá unha duración de 10 días e 9 noites, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderá desde as 12.00 horas do día de chegada ata as 12.00 horas do día de saída.
As quendas terán lugar entre o 15 de xullo e o 31 de decembro de 2026.
Servizos:
- Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, en habitacións dobres de uso compartido. No caso de existir dispoñibilidade, poderá optarse por unha habitación individual.
- Tratamentos termais segundo as indicacións terapéuticas específicas de cada establecemento balneario recollidas no anexo IV, que comprenderán:
- Recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.
- Tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.
- Seguimento médico durante a estadía
- Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.
- Póliza colectiva de seguro turístico.
No caso de optar por unha habitación individual e existir dispoñibilidade, a persoa beneficiaria deberá aboar a diferenza entre o custo da habitación dobre e o prezo total da habitación individual.
Cando a persoa solicitante presente necesidades específicas de apoio, mobilidade, alimentación ou calquera outra circunstancia persoal ou sanitaria relevante que requira unha atención específica durante a estadía, deberá comunicalo directamente ao establecemento balneario con carácter previo á incorporación á quenda adxudicada.
As actividades ou as excursións organizadas polo establecemento balneario que impliquen un custo adicional non están incluídas no programa. A participación nestas será voluntaria, por conta e cargo da persoa interesada.
O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento balneario, así como o de regreso, será responsabilidade das persoas beneficiarias. Non obstante, poderán acollerse ás opcións de transporte que, se é o caso, ofreza o propio establecemento.
Prezo das estadías e imposte da axuda
O prezo que deberá aboar cada persoa beneficiaria por estadía, segundo o tipo de establecemento balneario e a quenda adxudicada, será o seguinte:
- Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 ou 3 estrelas categoría superior: 397 €.
- Balnearios con establecementos hoteleiros de 3, 2 ou 1 estrela: 368 €.
- Balnearios con outro tipo de aloxamentos: 285 €.
Estes importes teñen carácter de prezo pechado e inclúen todos os servizos incluídos da quenda correspondente. Non se efectuará ningunha dedución cando, por causas imputable á persoa beneficiaria, non se desfruten a totalidade dos servizos.
A Consellería de Política Social e Igualdade contribuirá ao financiamento do custo das estadías, mediante unha achega por praza, ata un máximo de:
- Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 ou 3 estrelas categoría superior: 262,13 €.
- Balnearios con establecementos hoteleiros de 3, 2 ou 1 estrela: 258,39 €.
- Balnearios con outro tipo de aloxamentos: 247,39 €.
A achega da consellería será aboada directamente ao establecemento balneario correspondente. A persoa beneficiaria deberá aboar o importe restante segundo os prezos fixados nos contratos formalizados cos establecementos recollidos no anexo IV.
Documentación
Solicitude e anexos
- Documento acreditativo da representación da persoa solicitante, cando actúe por medio de representante.
- Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o devandito certificado non foi expedido pola Xunta de Galicia.
- Certificado das pensións non outorgadas polo INSS nin pola Xunta de Galicia da persoa solicitante.
- Copia do libro de familia da persoa solicitante, no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.
- Certificación de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito, o libro de familia, un certificado do Rexistro Civil ou, certificado de empadroamento ou documentación equivalente que acredite a convivencia, no caso de ir acompañado da parella.
Prazo de presentación
Un mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no DOG. Desde o 27 de maio ata o 26 de xuño de 2026.
Lugar de presentación
- Preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para o que é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
- Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Confirmación de estadías e adxudicación de prazas
Unha vez publicada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias deberán aboar ao establecemento balneario, en concepto de reserva de praza, a cantidade de 30 euros cunha antelación mínima de 15 días naturais ao inicio da quenda asignada.
De non efectuarse o aboamento no prazo sinalado, entenderase que a persoa interesada renuncia á praza adxudicada, perderá a condición de persoa beneficiaria e a praza incorporarase á lista de vacantes para a súa cobertura segundo a orde que corresponda. Estes efectos estenderanse, de ser o caso, á persoa acompañante e ao fillo ou á filla con discapacidade que consten na solicitude.
Ningunha persoa solicitante que resultase beneficiaria dalgunha quenda deste programa poderá participar noutra distinta, tampouco en calidade de acompañante, agás que se trate dunha praza vacante para a cal non exista ningunha outra persoa adxudicataria.
As persoas solicitantes que, reunindo os requisitos non obteñan praza, serán incluídas nunha lista de agarda, que se publicará na páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade.
As persoas beneficiarias que efectuasen a reserva de praza deberán aboar directamente no establecemento balneario, no momento da incorporación á quenda, a contía indicada na resolución, descontados os 30 euros previamente aboados en concepto de reserva de praza.
Mais información sobre este programa
Liña de atención directa a maiores Canle+65: 900 333 666
Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria
- Teléfono: 881995994/ 881999183/ 881995791/ 881995995/ 881995965
Subdirección Xeral de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria
Servizo de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia
- Email: politicasocial@xunta.gal
- Teléfono: 881995961
Na web: politicasocial.xunta.gal
DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS CON CITA PREVIA (981 513 106).
Solicitude
Datos do/da fillo/a da persoa solicitante (Anexo II)
Datos da persoa acompañante (Anexo III)
Establecementos balnearios, indicacións terapéuticas, quendas e prezos (Anexo IV)