Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Formación e emprego

Formación online gratuíta en competencias dixitais para o sector turístico galego

8 de xuño de 2026

O Concello de Boqueixón informa da apertura do prazo de inscrición para o proxecto DIXTURGAL (Competencias dixitais para o sector turístico en Galicia). Esta iniciativa pon en marcha unha serie de accións formativas totalmente gratuítas co obxectivo de mellorar a capacitación, competitividade e habilidades tecnolóxicas das persoas vinculadas ao turismo na nosa comunidade.

O programa está financiado e contempla dous itinerarios formativos adaptados a diferentes niveis de coñecemento, ambos os dous na modalidade de teleformación (en liña).

Características principais dos cursos:

  • Modalidade: 100% Online.
  • Duración: 75 horas por curso.
  • Certificación: Recoñecemento de 3 créditos ECTS (Curso Universitario Técnico).
  • Prezo: Gratuíto.
  • Prazas: Limitadas (precísase reserva).

Itinerarios formativos dispoñibles
1. Curso Universitario Técnico en Competencias Dixitais Básicas
Esta formación está orientada a adquirir e consolidar as habilidades dixitais esenciais para desenvolverse con seguridade, autonomía e eficacia tanto na contorna cotiá como na profesional.

Contidos principais: Búsqueda e xestión de información en Internet, uso de ferramentas de comunicación dixital, organización de datos, colaboración en liña, creación básica de recursos, protección de datos persoais, navegación segura e resolución de problemas técnicos habituais.

Obxectivo: Mellorar a confianza dixital e reforzar a empregabilidade nun sector turístico cada vez máis conectado.

2. Curso Universitario Técnico en Competencias Dixitais Avanzadas
Este itinerario está deseñado para reforzar e ampliar o dominio das tecnoloxías dixitais dende unha perspectiva práctica, crítica e estritamente profesional.

Contidos principais: Búsqueda avanzada de información, xestión eficiente de contidos, comunicación e colaboración en liña avanzada, creación de recursos multimedia, protección da identidade dixital, ciberseguridade, accesibilidade e o uso aplicado de ferramentas baseadas en intelixencia artificial.

Obxectivo: Optimizar as tarefas profesionais e responder con seguridade aos retos actuais do mercado turístico.

A quen vai dirixido?
O programa DIXTURGAL está pensado para persoas residentes en Galicia vinculadas ou interesadas no sector turístico, incluíndo:

  • Persoal laboral en activo ou en situación de desemprego.
  • Traballadores/as autónomos e pequenas empresas.
  • Profesionais de actividades relacionadas co aloxamento, restauración, hostalería, agencias de viaxes e guías turísticos.
  • Xestores de transporte, servizos culturais, lecer, recursos turísticos, atención ao visitante ou xestión de destinos.
  • Membros de asociacións profesionais e entidades locais.

Inscricións e información
As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de solicitude. As persoas interesadas en reservar a súa praza ou en recibir máis detalles sobre o proceso de matrícula poden solicitar información a través das canles oficiais do proxecto.

www.dixturgal.com

Compartir
WhatsApp Facebook Correo