O Pico Sacro de Boqueixón acollerá este domingo 21 de xuño, ás 13:00 horas, a tradicional Cerimonia do Lume Sagrado. Trátase dunha celebración de orixe celta baseada na historia da raíña Alda e que recuperará de forma simbólica a tradición dos nosos devanceiros de obter o “lume sagrado” directamente do Sol durante a festa do solsticio de verán.
O acto contará coa participación dos integrantes da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada), que recrearán un antigo ritual celta para darlle a benvida ao solsticio de verán. Caracterizados como a Raíña Alda e o seu séquito, recrearán a obtención do lume directamente do sol. Para iso, mentres a Raiña Alda le a “alegoría do lume purificador”, o seu Druída empregará unha lupa do seu bastón para que o sol faga arder unhas fibras naturais de palmeira seca e piñas nun pebeteiro.
Recoller lume e participar no desfile
Finalmente, unha vez prendido o lume sagrado, todas as persoas que o desexen poderán recollelo para prender as súas fogueiras da noite de San Xoán. Para recoller ese lume é necesario levar unha candea ou un farol ao Pico Sacro.
Ademais, o Concello de Boqueixón ofrece a posibilidade de participar nesta cerimonia dun xeito máis directo: como integrante do séquito da raíña Alda, para o que emprestará os traxes de época a aquelas persoas que o desexen. Para iso, é preciso anotarse antes do venres 19 de xuño no Departamento Formación, Emprego e Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.