O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente de incoación para declarar Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial o conxunto simbólico do Pico Sacro. Este procedemento ten un prazo de tramitación máximo de dous anos e implica que se poidan comezar a executar medidas de salvagarda das diferentes manifestacións inmateriais que se desenvolven no Pico Sacro, nos concellos de Boqueixón e Vedra.
O expediente elaborado polos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta a paisaxe excepcional e simbólica deste espazo, que considera merecedor de ser declarado Ben de Interese Cultural polo seu uso social, ritual e cerimonial, provisto dunha significación cultural que supera o ámbito relixioso para vencellarse coa cultura popular e as súas manifestacións. Deste xeito, recoñece que se está ante unha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.
Nesta consideración do complexo do Pico Sacro tívose en conta o informe realizado polo Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas, que presentou unha análise pormenorizada, na que se salientan os seus atributos como espazo físico e simbólico e o seus valores históricos e arqueolóxicos. De igual xeito, resaltan as manifestacións inmateriais presentes no territorio, como as lendas, as cantigas, os refráns e as festas, romarías e demais actividades culturais.
Cómpre salientar que na conformación do expediente administrativo participaron diferentes asociacións, a veciñanza e os concellos de Boqueixón e Vedra. Neste senso, constan no expediente numerosas peticións expresas das comunidades portadoras e organizacións representativas para que se procedese á incoación do procedemento administrativo de declaración de Ben de Interese Cultural deste conxunto.
Precisamente, o inicio deste expediente reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio senlleiro da nosa Comunidade. Así o demostran os 125 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 797 na actualidade.
Valores para ser declarado BIC
Na documentación achegada para a incoación ponse en valor que o Pico Sacro é un dos promontorios máis emblemáticos e venerados de Galicia e tamén un lugar dun profundo significado simbólico, espiritual e lendario. De igual xeito, destácase que se trata dun lugar singular onde o monumento natural relaciónase intimamente coa tradición oral galega e a memoria colectiva. Deste xeito, apúntase que é epicentro de lendas xacobeas ao tempo que abrangue un conxunto de bens patrimoniais culturais, tanto materiais como inmateriais desde a prehistoria ata a actualidade.
En concreto, o informe recolle que está rodeado de túmulos megalíticos e faise fincapé na existencia ao longo da historia de numerosos bens patrimoniais como unha fortaleza, mosteiros e capelas, ao tempo que se subliña o feito de que neste espazo conflúen dúas rutas de peregrinación a Santiago, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. Ademais, incide en que a documentación histórica, a toponimia e tradición oral sitúa neste lugar o mito da Raíña Lupa, unha lenda que constitúe o mito fundacional da que agora é a capital de Galicia.
Montaña sacra e símbolo identitario en Galicia
Deste xeito, no expediente remárcase que o lugar posúe unha densidade simbólica, histórica e cultural, que dá mostra da súa importancia como montaña sacra. Ao respecto, considérase que para Galicia, sería o equivalente a outras montañas sacras que teñen figuras de protección patrimonial inmaterial polo seu carácter simbólico, espiritual e relixioso.
Ademais de recoñecerlle ser un fito evidente na paisaxe, o expediente enxalza este conxunto como un símbolo identitario en Galicia, especialmente para as persoas que viven nos seus arredores, xa que consideran o Pico Sacro como parte integral da súa vida cotiá. Nesta liña, faise mención a que se trata dun lugar que guía as rutinas diarias, pero tamén o ciclo anual agrario e o ciclo vital da veciñanza.
Por tanto, o informe considera que o conxunto simbólico do Pico Sacro tamén é un reflexo da relación ancestral entre os seus habitantes e a súa contorna natural. De feito, subliña que existe un orgullo local e un vínculo espiritual moi profundo co Pico Sacro. E, á vez, considera relevante que diferentes actores sociais dos concellos máis próximos ao Pico tamén levan décadas insistindo na importancia de ter unha figura de recoñecemento patrimonial para este conxunto de manifestacións inmateriais.