O Concello de Boqueixón ofrece o local social de Loureiro, na parroquia de Pousada, para acoller unha nova casa do maior no municipio. Un ofrecemento que coincide coa nova convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a posta en marcha destes recursos durante os anos 2026 e 2027.
Esta convocatoria, regulada pola Orde do 10 de xullo de 2026 e publicada no DOG do 27 de xullo, está destinada a persoas físicas que se establezan como autónomas ou a cooperativas de traballo asociado que impulsen unha nova Casa do Maior.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, salienta que a posta en marcha dunha nova Casa do Maior en Loureiro “sería unha excelente oportunidade para seguir ampliando os servizos de atención ás persoas maiores no noso municipio, facilitando que poidan permanecer na súa contorna habitual, preto das súas familias e da súa veciñanza. Desde o Concello queremos colaborar e poñer á disposición das persoas emprendedoras os recursos municipais dos que dispoñemos para favorecer a creación deste tipo de servizos”.
Así, o local social de Loureiro poderá ser cedido temporalmente á persoa ou entidade que resulte beneficiaria das axudas da Xunta para a posta en marcha dunha nova casa do maior, sempre que o proxecto cumpra cos requisitos establecidos na convocatoria e coa normativa aplicable. Unha fórmula utilizada con éxito polo Concello de Boqueixón en 2024 e que facilitou a posta en marcha dunha casa do maior nun local da Casa da Cultura de Camporrapado.
Casas do maior
As Casas do Maior constitúen un recurso de atención diúrna para persoas maiores de 60 anos, especialmente pensado para ofrecer unha atención próxima e personalizada no ámbito rural, ao tempo que favorecen a autonomía persoal, a prevención da dependencia e o envellecemento activo. Este modelo tamén supón unha oportunidade de autoemprego e contribúe á creación e mantemento de servizos no rural galego.
As persoas interesadas en impulsar unha casa do maior no local social de Loureiro ou en recibir máis información sobre esta iniciativa poden poñerse en contacto co Concello de Boqueixón, onde recibirán información sobre a dispoñibilidade do local e sobre a convocatoria de axudas da Xunta de Galicia.