O vindeiro sábado 19 de setembro celebrarase en Vedra-Boqueixón unha nova xornada do Programa de Voluntariado Interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos”, unha iniciativa gratuíta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia destinada á recuperación e transmisión dos oficios tradicionais, poñendo en valor o seu potencial como oportunidade de emprego e autoemprego.
As xornadas están dirixidas principalmente a persoas maiores de 55 anos e a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, aínda que tamén poderán participar persoas de ata 54 anos. Cada xornada contará cun máximo de 16 persoas voluntarias organizados en parella, o que favorece o intercambio de coñecementos entre xeracións.
A actividade terá lugar no Centro Sociocultural de Vedra (Rúa de O Burgo, 36), en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, con pausa de 14:00 a 16:00 horas para comer.
Xornada de zocos
Durante a xornada, as persoas voluntarias achegaranse ao oficio tradicional dos zocos, da man da artesá Eva María. Ao longo da actividade coñecerán de primeira man os materiais, ferramentas e técnicas de traballo empregadas na elaboración dos zocos tradicionais, achegándose aos coñecementos e habilidades propios deste oficio.
A xornada permitirá descubrir o proceso de elaboración e coñecer a importancia de manter vivos e transmitir os saberes vinculados aos oficios tradicionais, favorecendo o intercambio interxeracional de coñecementos e experiencias entre as persoas voluntarias e a experta.
A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na seguinte ligazón:
https://voluntariadogalego.org/plans-e-programas/plan/programa-de-voluntariado-interxeracional-rede-galega-de-oficios-vivos