Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Cultura

O grupo municipal de teatro de Ribeira abre este domingo en Boqueixón a décima edición do Ciclo de teatro amador BocAberta

13 de novembro de 2026

O auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado acollerá durante os domingos 15, 22 e 29 de novembro, e o sábado 5 de decembro, a décima edición do ciclo de teatro afeccionado “BocAberta”, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña e a Asociación Club de Maiores de Boqueixón. Catro sesións dirixidas a todos os públicos e que terán lugar ás 17:30 horas. Entrada libre e de balde ata completar aforo.

Para conmemorar esta décima edición, o grupo local da Asociación Club de Maiores de Boqueixón aproveitará para presentar a súa nova obra: “Nós somos así”, unha divertida comedia na que un científico e unha prestixiosa filósofa afrontan unha investigación de gran relevancia para o futuro: é certo que os galegos non temos remedio? Será o sábado 5 de decembro e servirá para clausurar o festival.

Un ciclo que abrirá as súas portas este domingo 15 de novembro, ás 17:30 horas, con “De tal pau…”, unha comedia do grupo municipal de Teatro de Ribeira na que participa un elenco de 14 persoas dirixidas por Óscar Romero. A obra xira en torno a tres mulleres que asisten á voda dunha amiga íntima acompañadas polas súas nais. A noiva entrará en pánico e pedirá axuda ás súas amigas, sen sospeitar que ao comité de rescate tamén se sumarán as nais, dando lugar ás habituais pelexas entre nais e fillas.

Tomará o relevo Bradomín Teatro (A Pobra), con “Reunión familiar”, unha disparatada comedia chea de discusións absurdas e malentendidos o domingo 23 de novembro. Finalmente, Charamela Teatro (Melide) actuará o domingo 29 de novembro coa peza “Un xogo desastroso”, unha comedia familiar chea de enredos.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo