O programa Prevención da dependencia do Concello de Boqueixón protagoniza unha xornada na Facultade de Ciencias da Educación da USC

Sete persoas maiores que integran o Programa de Prevención da Dependencia participaron recentemente na presentación dun traballo elaborado por un grupo de alumnos/as de 2º curso de Educación Social da USC, para a materia “Contextos e ámbitos na Educación Social”. Este grupo de participantes, acompañados da educadora familiar municipal e dunha terapeuta ocupacional da Asociación AGADEA, foron invitados de honra nas aulas da Facultade de Ciencias da Educación.

PrevencionUSCBoqueixon

Os e as estudantes expuxeron un traballo brillante elaborado tras a súa visita ao Local Social de Vigo (onde actualmente se desenvolve o programa). Para a súa elaboración, acompañaron ás persoas participantes no seu desprazamento ata o local e compartiron a tarde con eles e elas nas actividades de orientación espacio-temporal e de estimulación cognitiva.

PrevencionUSCBoqueixon02

Durante a presentación ante 60 estudantes de Educación Social, proxectouse un video-resumo do programa con imaxes captadas o día da visita. Posteriormente, as persoas maiores realizaron unha intervención individual onde salientaron a relevancia das actividades que realizan e o nivel de satisfacción de cada unha delas.

Como remate final, tanto o alumnado como as persoas maiores gozaron dunha sesión de xerontoximnasia dirixida pola terapeuta ocupacional.

PrevencionUSCBoqueixon03

Este encontro interxeneracional serviu para achegar a realidade e características deste programa ás persoas que estudan Educación Social. Tanto elas como o responsable da materia destacaron a importancia de levar a cabo actividades dirixidas a persoas maiores no contorno rural, e a importante función das e dos educadores sociais no desenvolvemento das mesmas.

Comparte esta nova:

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

© Concello de Boqueixón 2025