Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Bandos e avisos

A Xunta prohibe dende este sábado as queimas agrícolas e forestais de particulares debido ás condicións meteorolóxicas

27 de xaneiro de 2022

forestal

A Xunta de Galicia prohibe, dende as 00:00 horas deste sábado 29 de xaneiro, as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Isto significa que, dende hoxe xoves, xa non se darán máis permisos e que os xa concedidos quedarán en suspenso. A única excepción serán as queimas controladas que executa o Servizo de  prevención e defensa contra os incendios forestais, que poderán executarse debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos.

A Consellería do Medio Rural tomou esta decisión despois de avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa (Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais) prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento. Ademais, lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 no caso de detectar algún lume forestal.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo