Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Actualidade

Este domingo dan comezo as visitas xeolóxicas guiadas ao Pico Sacro

6 de xuño de 2022

Este domingo 12 de xuño, ás 12:00 horas, comezan as visitas xeolóxicas guiadas ao Pico Sacro. Unha iniciativa gratuíta pero de prazas limitadas, polo que é imprescindible inscrición previa no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.

Estas visitas guiadas por Geotur levan por título “Viaxe á orixe xeolóxica do Pico Sacro” e destacan que o Pico Sacro é un fito xeolóxico e xeográfico único en Galicia. Xeoloxicamente porque a súa forma picuda convérteno nun símbolo paisaxístico inconfundible en Galicia pero, ademais, está formado por seixo puro no medio dunha terra de granitos, o que fai que a súa singularidade e evolución xeolóxicas sexan moi especiais. As visitas dispoñibles terán lugar os domingos 12 e 19 de xuño, ás 12:00 horas.

Así mesmo, tamén o domingo 12, pero ás 17:30 horas, nova visita teatralizada ao Pico Sacro da man da compañía Os Quinquilláns, que porán en escena a peza “A raíña Lupa e o encanto do Pico Sacro”. Neste caso, o guía da visita será Seixo, un mouro que lles presentará á raíña Lupa, quen narrará aos presentes a lenda do Pico Sacro e as probas que os discípulos de Santiago tiveron que pasar para converter Compostela nunha cidade e o Pico Sacro nun lugar lendario. Neste caso só quedan dúas quendas: o domingo 12 e o sábado 25 de xuño, ambos os dous ás 17.30 horas.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo