Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Turismo

Gran participación no Roteiro do cuarzo do Pico Sacro

14 de setembro de 2024

Gran participación na ruta guiada polo Roteiro do cuarzo do Pico Sacro organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, en virtude dun convenio asinado coa Consellería de Economía e Industria, para dar a coñecer a riqueza mineira da comunidade e o seu atractivo turístico e paisaxístico. Este percorrido de 7,3 Km transcorre dende o Pico Sacro ata o miradoiro de Gundián, cruzando o río Ulla, para coñecer o filón de cuarzo que hai nesta contorna, onde se atopa a mina de Serrabal e a mina Castillo.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e os alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e Vedra, Carlos Martínez, sumáronse a un roteiro que se inclúe dentro da aposta que está a facer a Xunta por poñer en valor o patrimonio mineiro e xeolóxico da comunidade e por promover a súa conservación, un dos obxectivos que recolle a Axenda de Impulso á Minaría Sustentable de Galicia. Así, os participantes puideron aprender que un cuarzo dunha pureza tan alta, como o que se atopa neste dique, se utiliza para electrónica (paneis solares), para a industria química (siliconas) ou para fabricar ferrosilicio para a industria da siderurxia. O de menor pureza recíclase como árido, tanto para formigóns e morteiros como para cama seca de gando, construción de instalacións deportivas, filtros, abrasivos e outras aplicacións químicas. A maiores, esta ruta de sendeirismo permite coñecer lugares míticos como o Pico Sacro e grandes obras de enxeñaría, como os viadutos dos camiños de ferro que cruzan o río Ulla.

Lorenzana indicou que Galicia é a 4ª comunidade autónoma en valor de produción mineira en España, e tamén en emprego, con máis de 3.300 postos de traballo vinculados. Un sector de pemes e familias con varias xeracións dedicadas ás explotacións, engadiu. Concretamente, o 97% dos titulares de dereitos mineiros son pemes e o 95% delas teñen sede en Galicia. A conselleira sinalou que as liñas de traballo da Axenda de Impulso á Minaría Sustentable de Galicia pasan por potenciar a modernización e o crecemento do sector de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente; fortalecer o capital humano e a responsabilidade social; e por promover a integración ambiental, a economía circular e, a posta en valor do patrimonio mineiro e a súa conservación con actividades deste tipo.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo