Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Axudas

A Xunta anuncia a posta en marcha esta semana dunha nova edición do Bono Activa Comercio

21 de outubro de 2024

A Xunta de Galicia anuncia a posta en marcha dunha nova edición dos bonos Activa Comercio 2024, co obxectivo de potenciar o comercio local e incentivar a demanda, axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos comerciais  adheridos á campaña. Con esta nova edición, o Goberno galego prevé mobilizar máis de 8,5 millóns de euros en vendas nos establecementos comerciais de proximidade dos distintos municipios.

Cada bono terá un desconto de 30 euros e servirán para as compras realizadas nos comercios adheridos e os negocios que desexen participar nesta iniciativa, que poderán inscribirse a partir do mércores 23 de outubro, atendendo ao que estableza a orde que publicará mañá martes o Diario Oficial de Galicia.

A partir do 4 de novembro, as persoas consumidoras interesadas poderán descargar o bono desconto na web www.bonosactivacomercio.gal.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra:

  • 5 euros para compras de entre 20 e 30 €
  • 10 euros de rebaixa para compras de entre 30 e 50 €
  • 15 euros no caso de superar os 50 € de compra

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono e non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo