O campo da festa do Oural quedou pequeno para desfrutar da edición número 51 da Festa das Carrozas do San Cidre. Unha edición marcada por esa inminente declaración como Festa de Interese Turístico que finalmente non chegou a tempo para este ano, toda vez que conta co visto bo de Turismo de Galicia pero resta a súa ratificación por parte do Consello da Xunta.
Precisamente, un dos seus integrantes participou hoxe na festa: o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, quen estivo acompañado no palco de autoridades polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o presidente da Comisión de Festas do San Cidre, Luís Carril; o xornalista Adrián Díaz, como pregoeiro; o concelleiro de Cultura, Gonzalo Redondo; o presidente da Asociación Cultural Amigos do Folión (Chantada), Manuel Vázquez; o presidente da Asociación Cultural Festa da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal; e o vicepresidente da Asociación de Festexos San Bieito de Sergude, Carlos Uzal; e Javier do Nervioso, como mestre de cerimonias.
Román Rodríguez aproveitou para agradecer o labor de todas as “persoas e colectivos que axudan a facer esta festa, especialmente aos nenos, profesores e familias do CRA porque aí está o futuro desta festa”. Así mesmo, o conselleiro sinalou que “esta é unha festaza, pero é pouco coñecida. Tendes que dala a coñecer máis e ampliala porque, despois do recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia, ides ter que buscar un campo da festa máis grande. É unha festa para que esteades todos orgullosos polo traballo que facedes e para que dentro de moitos anos estes pequenos collan o relevo”.
Pola súa banda, Ovidio Rodeiro puxo en valor que “poñer en marcha esta festa leva detrás moitísimas horas por parte de cada aldea, dos nenos do colexio… 51 anos facendo carrozas e facendo brillar esta festa é algo que nos ten que encher de orgullo. E quero poñer en valor o traballo dos homes e mulleres do Oural que levades 51 anos facendo estas carrozas”.
Finalmente, o pregoeiro Adrián Díaz, xornalista, guionista e presentador da TVG, recordou que o ano pasado viñera traballar ao San Cidre e “quedei namorado das carrozas, dos veciños e veciñas do Oural e tamén dos pinchos que dan nas carrozas”. “É un privilexio poder dicir a partir de hoxe que fun pregoeiro dunha das mellores festas de Galicia, de España e do mundo como é a Festa das Carrozas do San Cidre de Oural”, rematou Díaz.
Distincións
O premio á mellor carroza do Desfile das Carrozas do San Cidre foi para “Os Cuchipandas”, que recolleron a distinción de mans do conselleiro Román Rodríguez. Unha espectacular carroza de grandes dimensións, tales que incluso tivo problemas á hora de entrar no campo da festa e na que, segundo apuntou Javier do Nervioso, “estiveron traballando 3 meses, con 5 camións de madeira, 18 quilos de parafusos e aínda estivo algún cuchipanda apertando parafusos esta mesma mañá”.
O segundo premio foi para “Crackrroza”, elaborada por nenos/as, familias e profesorado do Centro Rural Agrupado e que recibiron o galardón de mans do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato. O terceiro premio foi para “Os Cheas”, a quen entregou o premio o presidente da Comisión de Festas do San Cidre, Luís Carril.
Finalmente, entregáronse unhas distincións ás asociacións encargadas de organizar dúas Festas de Interese Turístico de Galicia, como son o Folión de Carros de (Chantada) e o Entroido dos Xenerais da Ulla de Sergude; así como á Festa da Filloa de Lestedo, que o ano pasado foi distinguida como Festa de Interese Turístico Nacional. As distincións foron recollidas polo presidente da Asociación Cultural Amigos do Folión (Chantada), Manuel Vázquez; o presidente da Asociación Cultural Festa da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal; e o vicepresidente da Asociación de Festexos San Bieito de Sergude, Carlos Uzal.
Polo campo da festa non faltaron a parella de bois co carro portando a figura do San Cidre, así como a música coa Charanga Charanga BB+, a Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro e o Grupo Fussión, que acompañaron á tradicional degustación de viño e petiscos variados en cada carroza: queixo, arroz, xamón, filloas, chourizos…