O concello de Boqueixón convoca a undécima edición do Concurso de Fotografía “Boqueixón en imaxes”, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar a creatividade e a promoción e posta en valor da riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio. Porén este ano o certame cambia o seu nome, anteriormente “Paisaxes de Boqueixón”, para resaltar o cambio máis importante das súas bases nos últimos anos: a temática non se reduce unicamente a fotografías de paisaxes do municipio senón que se abre tamén a festas e eventos que teñan lugar dentro do termo municipal, sempre que resulten claramente identificables e recollan a riqueza natural, histórica, cultural e etnográfica de Boqueixón.
Polo demais, o certame está aberto ao público en xeral (no caso de menores de 18 anos, a solicitude deberá incluír unha autorización do pai/nai ou titor/a) e cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías. Así mesmo, mantéñense os condicionantes técnicos: as fotografías deberán presentarse en formato horizontal, cun tamaño mínimo de 2000 x 1500 px (cunha resolución de 250 pixels por pulgada).
Ademais, non se admitirán montaxes nin manipulacións das fotografías (salvo que sexan exclusivamente tratamentos de cor ou axustes relativos á calidade ou procesado da imaxe). O prazo de envío das propostas rematará o próximo 21 de novembro.
Premios
O xurado valorará de forma anónima as fotografías en base a criterios de calidade e complexidade técnica, composición, impacto visual, mensaxe transmitida, creatividade e orixinalidade. A súa decisión será dada a coñecer na primeira quincena do mes de decembro e incluirá tanto a escolla de doce imaxes para o calendario do Concello de Boqueixón para o 2026 como as tres persoas premiadas.
Os premios entregaranse en forma de vales de compra que se poderán canxear en calquera establecemento do municipio. O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros. As persoas que participen deberán cumprir as seguintes bases e enviar as súas propostas a través do formulario dispoñible na páxina web.