Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Cultura

O ciclo de teatro familiar “Escena Pequena” incluirá os monicreques de Fantoches Baj e o espectáculo de pompas de xabón de Malasombra Produccións

12 de decembro de 2025

O Concello de Boqueixón organiza unha nova edición do ciclo de teatro familiar “Escena Pequena”. Dúas actuacións gratuítas e dirixidas a un público familiar que terán lugar na Casa da Cultura de Camporrapado os sábados 27 de decembro e 3 de xaneiro, en ambos casos ás 17:30 horas. Entrada libre ata completar aforo.

O sábado 27 de decembro, Fantoches Baj  porá en escena “Pedro e o lobo”, unha versión diferente deste conto clásico representado con marionetas manipuladas coa técnica xaponesa do bunraku e acompañadas coa música do clásico de Prokofiev. A peza sitúa a historia nun mundo rural illado da modernidade e contextualiza o conto nunha estación de tren pechada, nun espazo que quixo ser moderno, pero que finalmente foi abandonado e que a natureza comeza a recuperar. A historia cóntana tres antigos operarios do ferrocarril, apaixonados poos trens, que deixaron o seu traballo de desmontadores de estacións para converterse en donos dun parque infantil.

O sábado 3 de decembro, Malasombra Produccións representará “Os fabulosos cleaners”, un espectáculo de pompas de xabón e unha experiencia visual para toda a familia. Dous operarios da limpeza do teatro descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir deste planteamento, emprenden unha viaxe conducidos polas pompas e burbullas que sorprenderán ao público: con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas… Un mundo máxico, cheo de cor e moito humor.

“Escena Pequena” está organizado polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo