O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participaron esta mañá na presentación do documental “Pico Sacro, monte de mitos e lendas”, unha produción audiovisual que afonda na riqueza histórica, cultural, relixiosa e natural deste enclave singular.
Un vídeo que poderá contemplarse no Centro de Interpretación do Pico Sacro, onde foi proxectado hoxe diante de máis de setenta persoas, e que segundo o alcalde de Boqueixón é un elemento máis para poñer en valor esta zona. Así, adiantou que “imos ter un técnico de turismo durante todo verán poñendo en valor o Pico Sacro, onde tamén vai haber unha food-truck, para que a xente poida tomar algo e desfrutar da experiencia dos atardeceres dende o monte Ilicino”.
Proxecto a nivel provincial
Neste sentido, Rodeiro Tato destacou que “o Pico é o elemento sobre o que xira o concello a nivel turístico. Este vídeo destaca que se trata do monte mítico e lendario por excelencia da provincia e mesmo de Galicia. Por iso prenso que o Pico Sacro e este Centro de Interpretación mesmo poden ser os depositarios de todos os mitos e lendas que existen na nosa provincia”, como proposta directamente lanzada ao vicepresidente provincial.
Pola súa banda, Xosé Regueira recolleu o guante e declarou que “temos aberto un camiño de colaborar co Concello de Boqueixón en materia de investigación e na infraestrutura na contorna do propio Pico Sacro. Esta é a primeira parte da colaboración, a máis pequena que é este vídeo, e eu agardo que pouco a pouco sigamos configurando algo, algo esencial para a provincia”. Neste sentido, lembrou que a Deputación ten en marcha actuacións noutros puntos da provincia como o Xeoparque Cabo Ortegal, as baterías de costa de Ferrol ou o proxecto Os Fogóns do Anllóns en Bergantiños-Costa da Morte. “E quizais onde nos falta un proxecto é aquí. E Ovidio xa nos trasladou a necesidade de traballar conxuntamente as dúas administracións nun proxecto para o Pico Sacro e facer algo a nivel de toda a provincia que, dalgunha maneira, nos faltaba. O Camiño empeza hoxe e ata maio iremos facendo cousiñas”.
Finalmente, Regueira salientou que o documental “supón unha excelente oportunidade para achegarnos a un dos espazos máis emblemáticos da nosa xeografía desde unha nova mirada”. “O Pico Sacro é, ademais, un dos grandes símbolos da nosa identidade. Non é só unha elevación singular na paisaxe. É un lugar onde conviven a natureza, a historia, as lendas e a identidade dun territorio que soubo conservar un patrimonio de valor extraordinario”. “Mais o valor do Pico Sacro”, engadiu, “vai moito máis alá do seu significado histórico. Representa unha forma de entender o territorio. Un territorio que non é un decorado, senón un espazo vivo, construído xeración tras xeración polas persoas que habitan e coidan esta terra”.
Documental
Tras a presentación, proxectouse a peza audiovisual, que propón unha viaxe polas diferentes dimensións que conforman a identidade do Pico Sacro. O documental explora a súa relevancia histórica e literaria, o seu papel na tradición relixiosa vinculada ás lendas xacobeas e ás romarías populares, a súa singularidade xeográfica e xeolóxica, así como o extenso imaxinario colectivo que, ao longo dos séculos, o converteu en escenario de mitos, fogar de dragóns e porta cara ao inframundo.
Despois da presentación do documental, o vicepresidente e o alcalde trasladáronse ao espazo de Enoturismo María Manuela para coñecer as súas instalacións. “exemplo de como o patrimonio, a paisaxe e a actividade económica poden ir da man para crear proxectos con identidade propia e fortemente vinculados ao territorio”. Ademais, Regueira fixo fincapé nas oportunidades que xeran no rural “iniciativas como esta, que apostan pola calidade, pola posta en valor dos recursos locais e por un modelo de desenvolvemento sustentable”.

