O Concello de Boqueixón organiza a oitava edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa nacida para poñer en valor o Monte Ilicino e promover a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), algo conseguido o pasado 22 de xuño cando a Xunta de Galicia publicaba no DOG o inicio do expediente de incoación para declarar BIC o patrimonio inmaterial do conxunto simbólico do Pico Sacro.
O ciclo arrincará este sábado 11 de xullo coa actividade “O Pico Sacro e os 4 elementos da natureza”, unha iniciativa que a través de dinámicas de mindfulness, movemento consciente e arteterapia permitirá ás persoas participantes descubrir como os Monte Ilicino está conectado cos catro elementos da natureza. Unha actividade gratuíta promovida polo GDR Terras de Compostela e dirixido a persoas adultas, que terá unha duración de dúas horas.
Para participar só é preciso cubrir un formulario (https://forms.gle/EupijFxRZuCepN6t6), dispoñible a través das redes sociais do GDR Terras de Compostela e na web co Concello de Boqueixón (www.boqueixon.gal). O punto de encontro será o aparcadoiro do Pico Sacro, ás 10:00 horas.
Conferencias
A maiores, o ciclo “Mes e Pico” incluirá tres conferencias, todas elas na Capela de San Sebastián, ás 19:00 horas. A participación é totalmente de balde, se ben o número de prazas é limitado, polo que será precisa inscrición previa en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061 (Departamento de Formación, Emprego e Turismo).
A primeira conferencia terá lugar o sábado 18 de xullo e correrá a cargo dos historiadores Henrique Neira e Pablo Sanmartín, que falarán sobre historias e lendas do Pico Sacro a través de gravados e imaxes. Un día despois, o domingo 19 de xullo, será a ocasión de Thibault Saintenoy, que dará a conferencia: “O que fan as montañas sagradas: testemuñas antigas e sentidos presentes desde os Andes”.
Pechará o ciclo César González García, doutor en Astrofísica, expresidente da Sociedade Europea de Astronomía e membro da delegación en Galicia do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Se en 2025 disertara sobre “O ceo e o Pico Sacro”, nesta ocasión falará sobre “Eclipses na historia e nas culturas”.